Viravolta Títeres, xunto coa produtora Tintimán Audiovisual, veñen de reconstruir a barraca O pavillón da risa e tamén o espectáculo de marionetas de Barriga Verde. Levarano por toda Galiza para lembrarlle o teatro popular daqueles tempos aos que o coñecían e amosarllo aos que non. Amais, a produtora está filmando todos os momentos, co fin da montaxe dun documental onde se contará a historia do teatro popular, con Barriga Verde como protagonista.

"Morreu o demo, acabouse a peseta!", tal era o berro co que a familia Silvet remataba as funcións na súa barraca, presentando espectáculos cargados de emoción e diversión para o desfrute de nenos e maiores. O momento máis agardado da función eran os títeres da cachiporra, co seu protagonista indiscutible, Barriga Verde, que, acompañado do seu pau, facía de xusticeiro.

Durante os nove días das festas de San Froilán a compañía instalou na Praza da Soidade de Lugo a barraca, con capacidade para cen persoas; cada día fixeron ata cinco pases do espectáculo de cachiporra, polo que pasaron multitudes de persoas, os máis pequenos para coñecer a Barriga Verde e os maiores para recordalo despois de máis de 50 anos da súa desaparición.

A xira á antiga usanza continúa por terras da provincia luguesa. Deste xeito, onte, Viravolta instalou O pavillón da risa en Mondoñedo, co gallo da celebración das festas na honra de San Lucas. Permanecerán nesta vila ata o final dos festexos, como facía antano a familia Silvet, entretendo co seu teatro popular a todos os que asistan á recuperada barraca.