Colmeiro, pintor da Galiza interior

No décimo cabodano da vangarda histórica galega, o autor incide na personalidade artística e o legado do pintor

 21:55  
Manuel Colmeiro, nunha das súas ultimas exposicións en Vigo.  // R. Grobas
Manuel Colmeiro, nunha das súas ultimas exposicións en Vigo. // R. Grobas 

MATÍAS RODRÍGUEZ DA TORRE (PRESIDENTE DE HONRA DE ADELLÍS) - SILLEDA Manuel Colmeiro nace en Chapa (Silleda) o 7 de agosto de 1901, e con só doce anos colle camiño da emigración bonaerense como tantos outros milleiros de galegos a comezos do século XX ao acubillo dos seus pais transterrados xa tres anos antes na Arxentina. De adolescente compaxina a aprendizaxe autodidacta da pintura co traballo, as tertulias culturais e colaboracións xornalísticas e aos vinte anos inaugura a súa primeira exposición colectiva con artistas arxentinos. Daquelas pinta de forma natural e bebe da arte e a filosofía.

En 1926 volta a Margaride para pintar o que será o epicentro da súa obra, os ambientes labregos. Estuda e analiza sen pausa a pintura, os cadros de outros, nomeadamete no Museo do Prado. 1928 é un ano clave na vida do autor, pois é pensionado pola Deputación de Pontevedra e acrecenta os seus estudos en Barcelona a carón dos intelectuais cataláns máis notorios da época. Coñece de primeira man os artistas holandeses e afervóase pola pintura de Goya, Velázquez e Rembrandt e ten lugar a súa primeira exposición individual nos salóns do Faro de Vigo. A bolsa é ampliada por dous anos e Colmeiro comezará a relacionarse tamén coa inteletualidade galega, Valle-Inclán, os galeguistas Castelao, Risco e Otero Pedrayo, cos que participa nas tertulias máis célebres da época en Santiago e Pontevedra.

Casa con Emilia en 1929 e anova a súa concepción pictórica baseada na antropoloxía galega, no rural máis profundo, na etnografía, mais tamén dá preeminencia ás significacións máis simbolistas. É xa o fiel e mellor representante da vangarda histórica galega, tal como nos lembra o seu compañeiro Maside en palabras escritas nos tempos da República: "¿Tivo, ten Galicia pintura?; dende Colmeiro, e principalmente, denda derradeira eisposición xa se pode afirmar sen medo que Galicia ten un pintor; tan seu, tan representativo n-esta arte como foi, cecáis, Rosalía na lírica". Os anos republicanos son de intensa actividade e apaixonamento, expón en Barcelona, Lisboa, Lugo e mesmo na mostra "Nueva Pintura Gallega", na Barraca de García Lorca. Cando argallaba a exposición para a Biblioteca Nacional de Madrid asédiao o Alzamento fascista de xullo do 36, polo que se ve obrigado a marchar cara ao exilio a través das terras portuguesas no nadal dese mesmo ano. De novo en Bos Aires reencóntrase coa familia de sangue e coa artísitica: Dieste, Lorenzo Varela, Seoane, Rafael Alberti, todos, tamén, froito do masivo éxodo. Pódese dicer que a súa pintura nestes momento ten un trazo presentista, de denuncia e visión do horror represivo, gardando sempre o simbolismo que o caracteriza, proba disto son as grandes creacións España 1936 ou La noche.

Na Arxentina reúnense con el a súa muller e os seus fillos e comeza un traballo inxente até 1948. Expón en Bos Aires e Brasil publica cadernos e gravados, ilustra libros editoriais, pinta os murais para as Galerías Pacífico, da rúa Florida, en pleno centro bonaerense, até se instalar en París en xaneiro 1949, regresando pola primeira en Galiza en 1950, viaxes que posteriormente alternaría nos veráns entre Vigo e San Fiz.

Na capital francesa Colmeiro contacta coa denominada Escola de París, na que se erixe en figura esencial o grande Pablo Picasso. Comeza unha etapa de fusión entre a figura e a paisaxe e un intenso itinerario de exposicións: París, Vigo, Bos Aires, Madrid, Broadway. Sucédense as viaxes por Europa e mesmo é incluído por Mercedes Guillén no seu libro Artistas españoles de la escuela de París, onde figuran artistas tan importantes coma Gris, Picasso, Miró, participando na maioría das exposicións que se organizan sobre este heteroxéneo grupo.

En 1978 ten lugar unha mostra moi meritoria organizada pola Caixa de Vigo. En 1983, a Xunta de Galiza, xunto co Ministerio de Cultura, organiza unha importante retrospectiva inaugurada en Madrid no Museo Nacional de Arte Contemporáneo. Colmeiro sería obxecto de destabábeis premios e distincións, como o das Artes da Xunta, recibido nunha exposición dedicada na Bienal de Arte de Pontevedra en 1986 ou o Pedrón de Ouro.

A derradeira exposición do trasdezao voltou ás súas orixes, á cidade olívica onde tiña o seu estudio que compatibilizaba coas longas horas de contemplación rural en Margaride e de onde saíron as súas célebres feiras e panadeiras, foi en 1999, nunha retrospectiva de cento corenta cadros, pouco antes de finar. Faleceu o 1 de outubro de 1999, agora, logo de dez anos e tal como reza na súa agnóstica tumba no cemiterio de San Fiz de Margaride, en Silleda, o seu pobo, que pintou e amou lémbrao con devoción, xustiza e memoria. O seu trazo ficará para sempre como aquel que máis altamente deseñou a Galiza interior no interior da Galiza.

  HEMEROTECA
Caja Negra        O Bichero         Floreano
¿Qué piensa hacer hoy? ¿Tiene algún plan para el fin de semana? Consulte todos los eventos culturales en nuestra agenda... más »




Le ofrecemos un espacio propio para hablar de lo que más le guste. Cree un blog en el espacio que Faro de Vigo pone a su disposición... más »




Contemple la Ría de Vigo en directo desde la cámara situada en la sede de Faro de Vigo, situada en Chapela... más »
CONÓZCANOS: CONTACTO | FARO DE VIGO | LOCALIZACIÓN Y DELEGACIONES | CLUB FARO DE VIGO | ACERCA DE ED. GALEGO PUBLICIDAD: TARIFAS | CONTRATAR
farodevigo.es es un producto de Editorial Prensa Ibérica
Queda terminantemente prohibida la reproducción total o parcial de los contenidos ofrecidos a través de este medio, salvo autorización expresa de farodevigo.es. Así mismo, queda prohibida toda reproducción a los efectos del artículo 32.1, párrafo segundo, Ley 23/2006 de la Propiedad intelectual.
 


  Aviso legal
  
  
Otros medios del grupo Editorial Prensa Ibérica
Diari de Girona  | Diario de Ibiza  | Diario de Mallorca | El Diari  | Empordà  | Información  | La Opinión A Coruña  |  La Opinión de Granada  |  La Opinión de Málaga  | La Opinión de Murcia  | La Opinión de Tenerife  | La Opinión de Zamora  | La Provincia  |  La Nueva España  | Levante-EMV  | Mallorca Zeitung  | Regió 7  | Superdeporte  | The Adelaide Review  | 97.7 La Radio  | Blog Mis-Recetas  | Euroresidentes  | Lotería de Navidad | Oscars | Premios Goya