Na véspera do Día das Letras Galegas o Concello de Valga regalou libros ós veciños que se achegaron ata as oficiñas municipais. Trátase de obras gañadoras de distintas edicións do Premio de Investigación Xesús Ferro Couselo que acaban de ser editadas. Eran, en concreto, "Vade Retro. Ritualística protectora, obxectos curativos e uso e amuletos na cultura popular galega", de Rafael Quintía Pereira, que foi a obra premiada na edición de 2017; e "Cultura letrada e alfabetización no Baixo Ulla. Séculos XVIII-XIX", de Ana María Sixto Barcia, galardoada no ano 2011.

"Os libros acompañábanse dunha reseña biográfica de María Victoria Moreno, autora á que a Real Academia Galega adica este ano o Día das Letras, e unha relación de todos os escritores e literatos homenaxeados dende que se instaurou esta celebración no ano 1963", explican no Concello. Hai que lembrar que entre eles está o investigador e ensaísta valgués Xesús Ignacio Ferro Couselo, ao que se dedicou o Día das Letras do 1996.