Son dous dos máis recoñecidos humoristas galegos, pero nunca chegaran a traballar xuntos. Carlos Blanco e Xosé Antonio Touriñán decidiron dar o paso de traballar xuntos e por en marcha o espectáculo "Somos Criminais", unha produción de Condetrespés e Undodez e que conta coa colaboración de Ainé Producións. O texto é de José Prieto e a direción técnica de Dani Juncal.

O espectáculo comezará a xirar por toda Galicia entre os meses de abril e xuño, pero a súa estrea oficial será no Auditorio municipal da Illa, os días 30 e 31 do vindeiro mes de marzo.

A actividade forma parte dos actos do décimo aniversario do Auditorio, un predio deseñado polo arquitecto Manolo Gallego e que acumula un bo feixe de recoñecementos, sobre todo, ao conxunto que forma co Concello e co Centro de Interpretación da Conserva, ubicado na antiga fábrica de Goday.

"Somos Criminais" serve de excusa para que os dous humoristas analisen e dramaticen sobre os crimes autóctonos en todas as súas varibles, desde a arroutada ata o familiar por causa dunha herdanza ou as orixes dos narcotraficantes galegos.

Os dous son uns habituais do Auditorio da Illa, e incluso Blanco, xa está convertido nun arousán máis, pois reside nese municipio desde hai moitos anos.