Catro anos como director da Escola de Navegación Tradicional e outros dous como presidente da asociación cultural e deportiva Dorna de Illa. Esa é a bagaxe de Salvador Allo que, na asemblea de mañá desta entidade, liderará a única candidatura que se presenta. O seu mandato expiraba hai uns meses, cando convocou un novo proceso electoral que culminou sen aspirantes e, antes de que "puidese quedar sen directiva unha cousa tan grande como Dorna", decidíu dar o paso e continuar outros dous anos con novos compañeiros de viaxe.

De feito, a directiva inclúe a un bo feixe de caras novas, especialmente, a dúas integrantes dunha sección nova que se creou este ano e que tivo moito éxito, a de Festas Culturais da Arousa, que dinamizaron o pasado entroido cunha manche a de actividades.

Allo asegura que os dous vindeiros anos van seguir na liña na que se viña desenvolvendo a actividade de Dorna: "a cultura haina que levar ao camiño, á vista de todo o mundo, e iso será o que nós trataremos de facer unha vez máis".

A súa directiva vai ter que afrontar dous fitos na historia da asociación, xa que será a que asista á estrea da remodelada Escola de Pau, convertida de facto na sede da asociación, e verá como se inaugura o centro de usos náuticos do Bao, unha das débedas históricas que tiñan as administracións cunha entidade que sempre apostou pola pervivencia do patrimonio etnográfico mariñeiro.

Allo recoñece que ten moitos retos por diante para estes dous anos, pero o máis importante "é topar un relevo; todos debemos estar, nalgún momento das nosas vidas, nunha directiva, para darnos conta do esforzo que supón pór en marcha actividades que a xente ve como case obrigatorias, como son a presencia duns gaiteiros nunha festa".

Durante estes anos, Allo ten moi claro que para a posta en marcha de moitas das actividades que desenvolveu a asociación nos últimos anos foi fundamental "a Fundación Deportiva Municipal, un ente que se sustenta grazas á aportación moi concreta de tres entidades: Concello, Cofradía e a asociación de bateeiros Illa de Arousa, que aportan os cartos que fan falta para que todo o pobo desfrute con estas iniciativas, xa que sen eles, sería imposible". A asociación Dorna conta nestes momentos con uns 700 socios, é dicir, "un membro, alomenos, de cada familia da Arousa".