Poucos escritores como Rosalía de Castro foron capaces de definir nos seus poemas a imaxe dos mariñeiros galegos que, coa súa suor e o seu traballo, mantiñan á súa familia na ría de Arousa. Esa capacidade foi o que levou, no seu día, á Escola de Navegación Tradicional da Illa a participar no proxecto "Que inchadiña branca vela", unha iniciativa impulsada desde a Fundación da escritora e que consiste no remonte do río Ulla por parte dun importante grupo de dornas, desde a praia fluvial de Vilarello, en Valga, ata o paseo do Espolón, en Padrón.

Eduardo Rivó, veciño de Manselle aínda que integrante da ENT da Illa, recolleu estas travesías, de dúas horas de duración, nun traballo fotográfico que xa estivo exposto en Santiago de Compostela e que, desde onte, pode observarse no auditorio municipal da Illa.

Composta por máis de 25 instantáneas, a mostra recolle a longa travesía, pero tamén inclúe fotografías tomadas polo autor de dornas abandonadas nos lugares más sorprendentes, como unha veiga de millo ou no medio dun monte. As fotografías están á venta, e todo o que se recaude por elas irá destinado ás arcas da Escola de Navegación Tradicional para que poida continuar coa súa actividade de recuperación do legado mariño galego.

Varias desas instantáneas tamén presidirán as remodeladas dependencias da Escola de Pau, nas que se asentará a sede da asociación cultural e deportiva Dorna, á que pertence a ENT. Na inauguración da exposición, ademáis de Eduardo Rivó e de Salva Allo, presidente de Dorna, tamén participou o presidente da Fundación Rosalía de Castro, Anxo Angueira, responsable de que unha ducia de veciños de Manselle, entre eles o propio fotógrafo, formen parte da Escola de Navegación Tradicional da Illa.

A mostra estará nas dependencias do auditorio municipal durante todo o mes de maio, antes de trasladarse a outro punto que está aínda por confirmar.

Tanto a Escola de Navegación Tradicional como a Fundación Rosalía de Castro xa están a traballar no deseño dunha nova travesía de homenaxe á escritora. Este ano, a data elixida para o remonte será o vindeiro 24 de xullo, a xornada previa á celebración do Apóstolo Santiago.