Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

De cando Manuel Lueiro gañou a partida a Franco

A retirada de honores ó dictador e o nomeamento de fillo adoptivo para o escritor é unha boa nova

Todos sabedes que teño escrito Sobre a vida e obra do insigne escritor, poeta, colaborador de prensa, político comunista e amigo, Manuel Lueiro Rey. Pero a verdade é que a súa figura -a pesar de ternos deixado físicamente un 11 de outubro do 1990- continúa dándonos motivos dabondo para lembralo e ter que escribir sobre el unha e outra vez. Nesta ocasión facémolo por un feito que non podíamos deixar pasar, sobre todo pola importancia historica que ten hoxe,e terá nun futuro,para todos os demócratas do mundo.

Refírome ás dúas mocións que veñen de aprobar "por unanimidade" o conxunto das formacións políticas que conforman a Corporación do Grove na sesión plenaria do 30 de maio (PSdeG-PSOE, PP, EU, BNG e PGD).

A primeira das mocións contemplaba a "Retirada de honores ao xeneral Franco"; concedidos no pleno do 20 de setembro do 1949, e que recollía o seguinte texto: "Los relevantes méritos contraidos por la Patria por S.E. el Jefe del Estado y Caudillo D. Franciso Franco Bahamonde que en trance grave pasa en tradición y espíritu, supo conducir a la victoria sobre nuestros enemigos en una guerra de liberación a la que se entregó con un genio conductor que asombró al mundo, dotes de mando y genio político que cada día adquiere mayor relieve internacional por su acierto, levantando el cerco político-económico que la mentira e insídia habían puesto a nuestra Patria, son méritos que los altos organos de la nación vienen reconociendo, pero es deseo de esta corporación el hacer constar nuestro eterno agradecimiento en forma individual, aunque dentro de nuestra modestia, y por aclamación, dentro del mayor entusiasmo y como fervoroso homenaje de admiración, cariño y gratitud, se acuerda nombrar Hijo Predilecto y Alcalde Honorario de este ayuntamiento a S.E. Don Francisco Franco Bahamonde, Jefe del Estado y Caudillo de la Patria".... Ata eiquí o texto da moción de 1949.

Pasadas as páxinas máis escuras da historia do noso país, é de rigor corrixir aquelas cousas que son corrixibles, buscando a xustiza sobre as que non o son. Deste xeito, e tendo en conta as circunstancias anteditas, preséntase a seguinte moción para o seu debate e aprobación en pleno: "Retirar os honores de Fillo Predilecto, Alcalde Honorario e Medalla de Ouro da Vila ao dictador Francisco Franco; facer constar a referida retirada nas actas municipais e no arquivo histórico do Concello; engadir un encarte actas do pleno do 20 de setembro de 1949, no que se faga constar esta moción e a consecuente retirada de honores para que dita circunstancia quede claramente explicada a xeración vindeiras.

A segunda das mocións contemplaba o "Nomeamento de D. Manuel Lueiro Rey como fillo adoptivo do Grove a título postumo". A moción fai un repaso da traxectoria, vida e obra literaria de Manuel Lueiro, e comenza decindo: "O 9 de sbril de 2016 cumpríronse 100 anos do nacemento de Manuel Lueiro Rey. O Concello do Grove adquiriu un compromiso de loitar polo recoñecemento e a preservación da memoria do noso escritor máis universal, organizando unha serie de actos e iniciativas que buscan conquerir o mantenemento do seu legado literario e vital para xeracións vindeiras". Para rematar decindo que "a vida e a obra de Manuel Lueiro Rey están íntimamente unidas á vila do Grove, onde reside dende os sete anos ata a súa morte. Aquí coñeceu e casou coa súa muller, Maruxa Lores, e aquí formou a súa familia. No Grove organizou infinidade de actos de grande valía cultural, como a homenaxe no 1980 ao seu amigo Luis Seoane, no primeiro aniversario da súa morte, adicándolle a primeira rúa co seu nome que existiu en Galicia. Nesta vila de O Grove escribiu a maior parte da súa obra literaria e xornalística, e dende esta vila a súa viuva, Maruxa Lores, dou a coñecer a súa obra, facendo posible a reedición dalgunhas das súas creacións e a edición doutras inéditas e a promoción da figura e da obra de Lueiro. Inda que ben é certo que o concello lle deu o seu nome á Casa da Cultura no 1991 e creou o certame de novela curta, é tamén fundamental atender a esta débeda histórica coa figura de Manuel Lueiro Rey".

Decíanme os propios fillos de Lueiro, Paco e Víctor, á saída da sesión plenaria, que habían sentido e vivido una fonda emoción ao escoitar e comprobar, como todos e cada un dos portavoces das distintas formacións políticas pedían a palabra para argumentar o por que do seu voto favorable ao nomeamento de "fillo adoptivo" do seu pai, e que ademáis saían do salón de plenos e voltaban ás súas casas doblemente satisfeitos, porque nunca se lle houbera pasado pola cabeza que poidera acontecer semellante feito: A retirada de tódolos meritos concedidos no ano 1949 ao dictador Francisco Franco e deseguido a concesión do mérito de "fillo adoptivo" ao militante comunista Manuel Lueiro Rey.

Co recoñecemento e a concesión desta destinción na persoa de Lueiro, efectivamente, comenza a pagarse unha débeda histórica con todas aquelas persoas que teñen loitado no bando dos que perderon a guerra, débeda que nunca xamáis seremos quén de pagala na súa totalidade, simplemente porque é "impagable".

Non quixera rematar este "documento para a histori" sen deixar constancia da miña lembranza emocionada por tódalas persoas, homes e mulleres do mundo, que un día do ano 1936 deixaron as súas casas e as súas familias para vir loitar as terras de España en defensa das liberdades e a favor do lexítimo goberno da República, pasando moitos deles a formar parte das Brigadas Internacionais, e deixando a súa vida no campo de batalla dun país que nin sequera coñecian.

Lembranza igualmente para os "nosos martires" Alexandre Bóveda, Ánxel Casal, Camilo Díaz Valiño, Xoán Carballeira, Roberto Blanco Torres e unha lista interminable de bos e xenerosos, que foron paseados, fusilados, masacrados e asesinados vilmente só por defender as súas ideas, aquelo no que creían. ¡Gloria e lembranza permanente para todos eles, onte, hoxe, mañan e sempre! !Saúde e Terra!

*Francisco López "Chesqui" é secretario xeral do Partido Galeguista, amáis de patrono e membro fundador das Fundacións Castelao, Alexadre Bóveda e Sotelo Blanco.

Compartir el artículo

stats