Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

"Levo media vida no BNG, é a miña casa"

María Villaronga, moi emocionada, deixa o Concello pero seguirá na organización á que se afiliou con 16 anos

María Villaronga, flanqueada por Lucía César Veloso e Xabier Ríos, onte, na sede do BNG. // Iñaki Abella

Membros da executiva nacional, comarcal e local do BNG arrouparon a María Villaronga na súa despedida como concelleira de Vilagarcía, pois a renuncia á súa acta na corporación nada ten que ver con asuntos políticos. Así quedou patente onte nun acto no que tamén a militancia pechou filas en torno á carrilexa. E como dixo ela mesma, vaise por motivos "estritamente persoais" relacionados coa saúde. Pero que ninguén pense nun adeus, senón nun ata logo, e só no seu papel institucional. "O BNG é a miña casa, levo aquí máis de media vida [desde os 16 anos] e non penso deixar a organización, nin se me pasou pola cabeza facelo", aclarou con rotundidade.

Comezábase a emocionar, pois estaba a anunciar unha decisión que lle "custou moito tomar" -admitiu-, mais foi pouco despois, nos agradecementos a todas as persoas que a acompañaron no seu labor político destes anos, cando tivo que interromper a fala. Acordouse "en especial" de Xabier Ríos, de Helena Mariño, da militancia, ... E tamén dedicou unhas palabras á súa substituta no grupo municipal, Lucía César Veloso, "sangue novo con arranque e con xenio" , dixo a carrilexa da moza de Bamio. "E ademais saliunos cantareira", engadiu cun sorriso no rostro.

María Villaronga vese obrigada por razóns de saúde a deixar a primeira liña da política local, unha política que para ela é "apaixoante", aínda que cun certo "desgaste". Pediu "desculpas" por non rematar o actual mandato para o que se presentara como candidata á Alcaldía, convertíndose na primeira muller alcaldable da historia democrática de Vilagarcía.

Bo traballo

Os seus compañeiros gabaron onte o seu labor no Concello e no BNG. O responsable comarcal, Xoán Castaño, agradeceu a Villaronga o seu traballo realizado e mostrouse confiado en que "a actividade política de María no BNG non remate aquí", invitándoa a que "cando ela estea nas condicións que estime", volva á contenda política.

Por parte da executiva nacional, Montserrat Prado aplaudiu a decisión tomada pola carrilexa, "que a honra moitísimo". "Nuns momentos nos que parece que a política está denostada, vese que hai políticos para servir aos veciños. Proba é o traballo intenso que fixo María. Estou convencida de que isto é unha paréntese e que imos seguir contando con ela porque é moito o que ten que aportar", declarou a cambadesa.

Pola súa banda, Lucía César Veloso, explicou que aceptou estrearse como concelleira "por coherencia" co número tres que ocupou na lista coa que o BNG concorreu ás eleccións municipais de maio. "Para María esta decisión non foi sinxela e déixame o listón moi alto, pero prometo traballo e esforzo" para levar a cabo o proxecto nacionalista.

A responsable local da formación en Vilagarcía, Hortensia Rodríguez, confesou sentirse "triste" pola marcha de María Villaronga porque "tiña moita confianza depositada" nela e no seu traballo no Concello, ademais de que "tiña capacidade para chegar moito máis lonxe" na política.

Neste sentido, a xa exconcelleira definiu a súa renuncia como"un cese por catro anos a nivel institucional" e quedou "a disposición" do partido nacionalista, no que "seguirei facendo traballo organizativo" na medida do posible.

Decisión "dura"

A traxectoria política de María Villaronga demostra que cre firmemente no que fai e no que fala, pero a súa saúde non lle permite estar ao pé do canón para traballar a prol dos veciños de Vilagarcía. De aí que tomase esa "dura" aínda que "responsable" -eloxiou Montserrat Prado- decisión de deixar paso a outra persoa para que acompañe a Xabier Ríos na actividade institucional na corporación municipal.

Villaronga explicou que "aos problemas de saúde que comezaron na precampaña e seguiron na campaña uníronse certos condicionantes que agora fan que non me atope nas condicións físicas que require a responsabilidade nun Concello". Alabou a comprensión dos compañeiros de partido, aos que xa lle comunicou nunha asemblea a súa marcha . "Estou orgullosa do BNG", dixo. E víaselle na cara.

Compartir el artículo

stats