Nos últimos anos, a internet afianzouse como un poderoso sistema de comunicación social. As páxinas web, os blogs, as redes sociais tipo Facebook... son xa vitais para o traballo de moitas empresas e asociacións, e mesmo no mundo da política dá a impresión a veces de que as eleccións se deciden na rede.

Parello a este movemento, nalgúns concellos agromaron nos últimos tempos proxectos de páxinas web ou blogs creados por veciños nos que se repasa a actualidade dos concellos, e se recordan algúns dos episodios ou dos personaxes máis importantes da historia dunha localidade. Hai portais deste tipo en O Grove ou Cambados -nesta vila o pioneiro foi o "Cambados Tk" creado por Óscar Pardo Planas, que neste 2010 cumpriu os seus cinco primeiros anos de vida- e tamén Meis conta cun deles dende marzo de 2007. Un dos impulsores desta iniciativa é Celso Milleiro. Conta que na actualidade traballan de xeito máis ou menos habitual en "meis.blogaliza.org" media ducia de persoas de entre 30 e 40 anos, pero que tamén contan co apoio dun bo número de colaboradores externos que de cando en vez mandan algún traballo para publicar.

Á parte da páxina web oficial do Concello, este é o único blog de carácter xeneralista que se renova con frecuencia en Meis -hai outras páxinas específicas, como as do Dolorock, a do mosteiro da Armenteira ou a da Semana Santa de Paradela- e consta de dúas temáticas principais: a análise crítica da actualidade municipal, e o repaso á historia local.

Celso Milleiro explica que "a páxina naceu como un punto de información para a xente de Meis e para sacar á luz cuestións históricas e biografías". Admite tamén que o blog ten unha visión moi crítica da xestión do equipo de goberno do Partido Popular, pois entenden que "en Meis semella que a xente cando vai ver ó alcalde aínda ten a idea de que vai pedir un favor". Milleiro opina tamén que "moita xente en Meis aínda ten medo a falar abertamente de certos temas". Neste blog existe a posibilidade de deixar algún comentario ou opinión, e Celso Milleiro conta que os temas relacionados coa política municipal adoitan ser os que máis diversidade de opinións xeneran. Nese sentido, lembra que os artigos sobre os salarios do alcalde e os concellais foran no seu día un auténtico éxito de participación.

Con todo, algunha xente aproveita o anonimato dos foros para verquer insultos ou descalificacións persoais. Algo así tamén lle pasou a Óscar Pardo co "Cambados Tk" e á fin optou por pechar o foro. Milleiro explica que no caso de Meis "non chegamos a pechar o foro, pero si que nos vimos obrigados algunhas veces a eliminar mensaxes". A maioría dos que traballan máis a cotío no blog son persoas de ideoloxía próxima ó Bloque Nacionalista Galego, pero afirman estar abertos ás colaboracións das demais formacións políticas do concello.

Historia e biografías

Outra parte fundamental do espazo é o repaso de momentos históricos vinculados a Meis ou as biografías dalgúns dos seus veciños máis salientables. Entre os personaxes reseñados na páxina están José Arribas, o único alcalde de esquerdas que tivo Meis; Manuel Barros Chantada, "O Rancheiro", un republicano que durante a guerra conseguiu evitar a morte inventándose unha identidade falsa; Manuel Pesqueira, un dos grandes pintores galegos do século XX; ou Robustiano Fernández Cochón, autor das escalinatas do santuario de Amil e defensor do estadio de Pasarón.