Con case 33 anos ás súas costas, o arousán Marcos Nine Búa xa conta cunha dilatada experiencia no mundo da dirección audiovisual, como o amosan os numerosos documentais que ten dirixido desde aquela data de 2002 na que comezou a grabar "Carcamáns". Na gala dos Mestre Mateo da pasada semana o documental dirixido e producido por el mesmo, "Aarón" levantou o premio á mellor obra experimental

– Xa é a cuarta vez que acada un Mestre Mateo, xa comeza a ser unha costume

–Realmente é o primeiro que teño na casa, os outros tres leváronos as productoras. É certo, este é o primeiro que podo considerar como meu porque dirixín e producín o traballo. De feito, os dous primeiros foron compartidos con moita xente xa que foron polos guións de "Terras de Miranda" e das "Leis de Celavella"

–O fío conductor de "Aarón" é un rapaz de tan só tres anos.

–Si. "Aarón" é un xogo que fago cun rapaz da Illa ao que lle gusta sacar fotos. Trato de facer un paralelismo entre o que fago eu e o xogo dun rapaz que está descubrindo o mundo que o rodea. O traballo atópase na fronteira entre o documental e o experimental.

–¿Pode ser este o traballo que máis satisfaccións lle dou?

–Pois creo que si, pola proximidade xa que se trata practicamente dun vídeo familiar. "Aarón" foi un traballo que lle chega moito á xente polo seu carácter emotivo e porque se trata dunha obra moi fácil de entender, sobre todo por xente con fillos pequenos, que se pode sentir identificada en moitos momentos. A isto hai que sumar que o ano pasado foi bastante complicado para o sector, negándose as productoras a financiar todo aquilo que se saíse un pouco da norma, do modelo que está imposto; por iso que a academia te acabe premiando é un gran triunfo. Eu penso que o cine ten que ser libre e non por ter máis cartos vas a facer cousas que lle interesen máis á xente.

–¿En que proxectos está a traballar nestes momentos?

–A verdade é que teño que rematar unha chea de cousas. Durante 2009 só rematei "Aarón" pedro estiven traballando en moitas outras cousas. O primeiro deses traballos vai ser "O Sol nos Chaos", que está feito en colaboración co CSIC e a USC céntrase nos traballos feitos arredor do poboado celta de San Cibrao de Lás. A este hai que engadir outro traballo sobre o cómic galego e outro que se vai titular "manuscritos Pompeianos" e no que se comparan as pintadas da vila romana coas que se rexistran agora nas cidades máis importantes do mundo. Agardo que todos eles se estreen este ano.

–Semella que vostede aposta máis polo documental que pola ficción.

–Home, eu non dividiría as cousas en ficción ou documental, senón que me centraría máis en modelos de construcción e elaboración. Son dos que cree que o cine convencional é case arcaico, está pasado e penso que me aburriría dirixir algo que está totalmente estructurado. O bo do documental ou do xénero experimental é que cando comezas a grabar non sabes o que vai pasar. Non me desagradaría facer ficción se se lle deixa liberdade á xente para improvisar, para que aporten algo á película, ese dinamismo que adoita a faltar no cine convencional. Desgraciadamente, as productoras, nesta época de crise, non se arriscan a financiar isto.