Leva catro anos e algún mes máis ao frente do Consello Regulador do Mexillón de Galicia, uns anos nos que se viviron momentos de todo tipo, desde os máis doces, como foi a consecución da Denominación de Orixe para o primeiro producto do mar na Unión Europea, ata o máis duro como foron os enfrontamentos nos peiraos pola falta de unidade no sector mexilloeiro. Agora a convocatoria de eleccións no Consello Regulador supón a súa despedida do cargo de presidente da entidade máis representativa deste sector.

-¿Cal é a valoración que se pode facer destes catro anos?

-A que facemos só pode ser positiva. Efectivamente foron catro anos nos que se viviron momentos bos e malos. Por desgraza, a día de hoxe, non estamos a atravesar un dos mellores momentos, pero no que atinxe ao Consello Regulador do Mexillón temos que dicir que foron catro anos de intenso traballo e con grandes logros para o conxunto do sector mexilloeiro.

-¿Cales foron eses logros?

-O principal foi a consecución, despois dun longo proceso de máis de 14 anos, da Denominación de Orixe Protexida Mexillón de Galicia. Foi un proceso que aínda, a día de hoxe, segue a estar torpedeado por quen ten intereses fóra de Galicia. Non por iso se vai empañar o obxectivo conquerido. Por outro lado, a forte aposta no impulso do departamento de I+D+i que o Consello tiña cando chegamos, incrementando o personal e realizando estudos estratéxicos para o sector do mexillón, como pode ser a diferenciación a través do ADN do noso producto do que se cultiva noutras xeografías, é unha ferramenta imprescindible para a denuncia ou a persecución dun posible fraude ao consumidor. Nestes intres, o Consello dispón de personal en todos os peiraos de Galicia para realizar as tarefas de control de todo o mexillón que se descarga e poder facer así unha prestación dos servicios que precisan todos e cada un dos bateeiros.

-Sempre se especulou coa súa continuidade ao frente da entidade ¿Vai presentarse á reelección?

-Un dos valores máis importantes dunha persona, senón é o que máis, é a súa palabra. Se hai uns meses deixaba unha porta aberta a optar á reelección, hai tamén algún tempo que dixen que non me ía presentar outra vez. Evidentemente se o valor da palabra é importante, a resposta está dada, é dicir non.

-Un dos problemas endémicos dos que adolece o sector mexilloeiro é a forte división interna ¿Considera que non acadar a unión é un fracaso da súa xestión?

-Non formaba parte do noso cometido, pero aínda así, entristecenos ver que a posibilidade de ter un criterio común e unha estratexia conxunta que beneficie a todos está moi lonxana. Non hai moito tempo, tras unha loita que agardamos que non se volte a producir, triunfou o libre mercado e a xente que non ten interese máis que en si mesmos. Se os representantes tivesen soamente palabra, a día de hoxe a situación sería moi distinta e contaríamos cun sector forte, unido e estratéxico para Galicia.

-¿Confía en que non se volten repetir os incidentes nos peiraos?

-Nunca se pode xustificar ningún tipo de incidente aínda cando os obxectivos sexan os correctos. O diálogo debe ser o camiño para que o sector chegue a onde se merece, a liderar a comercializacón do mexillón en todo o mundo. Agardamos que se aprendese a lección.

-Tamén como presidente do Consello tivo certos problemas co sector transformador, que o acusaban de defender só os intereses dos productores e non representar a todo o global do sector.

-É sorprendente que te acusen de non defender os intereses dos transformadores cando a súa proposta cara a consecución da D.O. é que fose só para fresco. Só a aposta personal e decidida, xunto cos membros da producción e da depuración e cos votos en contra dunha transformadora, a solicitude acabou sendo para todo o mexillón, fresco, procesado e conserva.