17 de mayo de 2018
17.05.2018
ÚLTIMA HORA
Julen Lopetegui renueva como seleccionador español hasta 2020

A lingua que namora

17.05.2018 | 02:22
A lingua que namora

Non é frecuente nestes tempos que unha lingua apareza asociada coa palabra amor. Os idiomas adoitan conxugarse con utilidade, reivindicación ou termos análogos, quedando o aspecto sentimental relegado ou simplemente esquecido. No caso do galego esta anomalía non resulta estraña. Un repaso ás escritoras e escritores homenaxeados no Día das Letras Galegas revela que a querenza pola fala ocupa un lugar preferente entre os motivos que levan a expresarse literariamente en galego. Ocorre tanto nos creadores que o teñen como lingua nai como naqueles outros en que é unha lingua aprendida ou recuperada.

No caso de María Victoria Moreno, ese amor é tan forte que fai que unha nena nacida e criada en Estremadura e logo estudante en Barcelona e Madrid se namore dun idioma que naquel momento sufría todo tipo de incomprensións oficiais e vivía afastado dos grandes circuítos culturais. Ese idioma acóllea e ela corresponde cunha obra literaria e docente que deixa unha fonda pegada nos seus lectores e escolantes. Nin sequera a morte puido separar ese matrimonio entre María Victoria e o galego, como demostra a súa elección para protagonizar este 17 de maio e o entusiasmo con que o IES Gonzalo Torrente Ballester de Pontevedra, onde ela exerceu o maxisterio, celebra a súa memoria.

O amor foi a causa de que María Victoria decidise vivir no galego e tamén a gran directriz da súa obra. Ninguén mellor que ela para desmentir a idea de que a letra "con sangue entra". As letras que escribe ou ensina persuaden, suxiren, animan, porque o respecto que sente por nenos e mozos desbota calquera adoutrinamento. A nosa escritora abre para eles camiños por percorrer en liberdade e convivindo con opinións distintas. A Galicia libre e tolerante de hoxe débelle moito a mestres como María Victoria Moreno, que souberon entender a educación nun sentido amplo no que tamén se aprende a convivir cos outros.

Este Día das Letras axúdanos a entender que para a plena recuperación dunha lingua como a nosa son necesarias regulacións legais, disposicións educativas e normativas administrativas que promovan e protexan a fala, pero tamén que todas esas ferramentas deben complementarse coa empatía e a cordialidade para chegar ao ánimo dos falantes e instalarse neles dunha maneira efectiva e duradeira.

María Victoria Moreno definiu a súa relación co galego como unha historia de amor. Esa historia de amor, repetida polas galegas e galegos de hoxe e de mañá, será a mellor garantía de que se cumpran as mil primaveras de Álvaro Cunqueiro. Consonte ese ideario, a Xunta de Galicia está a elaborar un Plan de dinamización da lingua galega na mocidade que anime os máis novos a usar libremente o idioma que nos singulariza.

Ao redor dos mesmos valores que encarna a protagonista do Día das Letras Galegas, Galicia construíu un modelo de convivencia lingüística que parte do principio de que nin as falas nin os seus falantes son adversarios. Un modelo que se inspira na vivencia e na convivencia cotiá da xente e respecta por riba de todo a súa liberdade. A nosa fala esmoreceu sen liberdade e rexorde con ela. Correu perigo nun país privado de Autonomía e recupera a esperanza coa Constitución, o Estatuto e as leis do noso autogoberno.

A fala que tanto amaba María Victoria Moreno é unha fala inclusiva. Convida os alleos e os propios que aínda non a falan. Pertence a todos.

Nun dos seus libros a escritora afirma que "as persoas estamos feitas para levar adiante os proxectos máis fermosos". En Galicia abundan esas persoas e entre os seus proxectos sempre actualizados está a plena recuperación da fala coa que nos relacionamos co mundo. A lingua é unha ponte máis entre nós, unha ponte fermosa que quixo cruzar María Victoria Moreno levando consigo unha mensaxe cordial que perdura e nos compromete.

*Presidente da Xunta de Galicia

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook
Enlaces recomendados: Premios Cine