Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

ao pé do farelo

Corrupción e cinismo

O termino "cínico" -acuñado na Grecia Clásica polo filósofo Sócrates para cualificar despectivamente o modo de vivir que ostentaban certas persoas daquela época (século IV antes de Cristo), que defendían unha cousa pero actuaban totalmente en contra do que predicaban- vén hoxendía como anel ao dedo para definir os comportamentos, declaracións e actuacións da inmensa maioría dos nosos políticos dun e outro bando.

Cinismo enténdese como a falla de prudencia, a obscenidade impúdica e carencia total de vergoña da que fan gala algunhas persoas á hora de mentir impunemente, con aleivosía premeditación e sen nocturnidade, ante feitos que resultan claramente demostrables e demostrados ante os demais, que estupefactos temos que asistir ao circo de estúpidas escusas, interpretacións torticeiras e defensas numantinas do "Non dimito".

Cínicos resultan ser todos estes personaxiños carentes de dignidade, principios e moralidade que chegaron e están en política para se servir dela, non para servir á res publica, á democracia -goberno do pobo, como ben o definiron precisamente os gregos, os seus creadores-. Esta definición cada vez resulta máis recurrentemente usada nos nosos medios de comunicación e xornais, ao referirse ás actitudes das súas señorías, cos cus comodamente asentados nas poltronas dos escanos do noso parlamento e senado. Ás veces dáme a impresión de que este cinismo xa bordea ou case lambe o borde do sarcasmo, a ironía e mesmo a burla, porque francamente estanse a rir de nós, e mesmo penso que cren firmemente que somos estúpidos, realmente o somos, por continuar confiando neles e depositando a nosa papeleta de voto nas urnas para que durante catro anos, cando menos, fagan o que lles peta e máis interesa a eles.

Asistimos perplexos, cariacontecidos, estupefactos e seriamente preocupados, cando non desenganados, ao esperpento diario do tema destes días repartido entre a non elección de presidente da ingobernable Cataluña e o máster, que non hámster, da Cifuentes, quen, de resultar ser o paladín rexenerador da política madrileña, pasou a se converter nun cubo de lixo, a cada paso máis e máis pestilente.

O inmenso vertedoiro no que o PP do Sr. Rajoy está convertido fai que dunha vez por todas o noso presidente adopte definitivamente e de verdade as medidas necesarias para poñer punto final a tanto desaguisado e maremagnun de arribistas máis interesados no seu medrar persoal que no ben común ao que supostamente teñen que destinar o seu traballo. Corrupción, falsidades, medias mentiras, enganos, terxiversacións da realidade, ocultación amiguismos, rescates de bancos e banqueiros con pensións millonarias porque son colegas, de autopistas ou eléctricas nas que remataran a súa vida laboral con soldos escandalosos por non asistir a consellos de administración nos que se aburren mortalmente as súas señorías, etc.

Xa abonda, e non hai máis escusas nin podemos aguantar nin queremos agardar un minuto máis, hora é de que de verdade a lei sexa igual para todos, e ao que rouba, como mínimo, se lle bote fóra, sexa quen sexa. Sen dúbida algunha veremos que cambia todo para seguir o mesmo, hoxe por hoxe eche é o que hai, e eu, permítanme que o poña en dúbida, o diga o Sr. Rivera ou o luceiro do alba.

Compartir el artículo

stats