Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

tRIBUNA LIBRE

Feminizar a linguaxe

Canda as Cortes de Cádiz, formadas só por homes, o termo deputado non tiña forma en feminino (deputada). Por ter a muller restrinxidos os dereitos de participación política, a palabra só tiña acepción masculina. Máis adiante, cando as mulleres alcanzaron este dereito, diferenciouse o sexo a través do artigo (o/a deputado), ata que se foi xeneralizando a forma feminina, dicindo hoxe con toda corrección deputada, nada contraditorio co sistema da lingua.

Promover a feminización do idioma, utilizando unha linguaxe inclusiva, é importante para tratar de visibilizar a muller: un aspecto máis da loita pola igualdade de dereitos entre mulleres e homes en todos os ámbitos da vida. Mais, non sempre se fai con acerto, como acabamos de constatar recentemente na intervención da voceira de Unidos Podemos, Irene Montero, no Congreso dos Deputados. Dicir "A portavoza", referíndose a si mesma, é tanto como feminizar dobremente o segundo lexema, xa feminino (a voz), dun substantivo composto como é portavoz (porta + voz), común en canto ao xénero, pois coinciden a súa forma de masculino e feminino.

En consecuencia, dicir "portavoza" non feminiza a palabra portavoz (a portavoz), senón que a esnaquiza. Algo parecido ocorreu no ano 2008 cando a ministra socialista de Igualdade, Bibiana Aído, falou de "miembros" e "miembras" dunha comisión parlamentaria, causando hilaridade. Loitar neste terreo pola igualdade real entre sexos debe facerse con acerto, evitando que se produzan efectos contrarios aos que se perseguen. Sendo importante, sen dúbida, utilizar unha linguaxe inclusiva, tanto na fala como na escrita, debemos sempre proceder cautelosamente buscando xiros, termos e expresións que respondan positivamente á pregunta: está ben dito?

Non se é máis feminista por dicir "a representanta" en vez de a representante, como sería o correcto, ou "a modela" en vez de a modelo, nin inducir a dicir como contraposición "o dentisto", por exemplo, en vez de "o dentista", ou "o persoo" en vez de a persoa, que ademais de desfacer o idioma nos leva a un ridículo espantoso. Sería grotesco e contraproducente para a causa feminista pedir ter voz e voto dicindo que queremos "ter voza e vota". Ou para Podemos chamarse "Podemas", o que lle garantiría un afundimento electoral seguro. Non somos máis iguais ou máis feministas por forzar expresións chocantes e contraditorias coa propia estrutura interna da linguaxe.

Buscar expresións para visibilizar novas realidades sociais é unha necesidade, como no caso da utilización de formas inclusivas que reflictan a inevitable igualdade entre homes e mulleres. Isto debe facerse de forma coherente co marco formal que establece as posibilidades de variación e combinación que permite o idioma. Pero non debemos esquecer que as verbas perduran ou perecen se o uso dos falantes así o queren. Un exemplo témolo na palabra "xuíza", recoñecida non hai moito pola RAG (tamén pola RAE), a pesar de que xuíz é neutra. Actualmente, non nos choca oír: "vivan o noivo e a noiva", "vivan os noivos" ou "vivan as noivas", expresións indicativas de que tamén é posible o matrimonio entre persoas do mesmo sexo. Un avance real no campo da igualdade, sen dúbida. Pero non debemos perder de vista que o proxecto máis importante que ten hoxe a humanidade é alcanzar a igualdade real e efectiva entre mulleres e homes, sen a que non pode haber unha sociedade que se defina como xusta. Tamén no eido da lingua, é certo, debe ter isto unha concreción posible.

*Veciño da Estrada.

Compartir el artículo

stats