Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

ao pé do farelo

'Pleitos tengas y los ganes'

Na miña afastada terra de nacemento, alá na Bahía de Cádiz, patria de mariñeiros, comparsas e fandangos, hai unha maldición de orixe xitano que se espeta ao veciño con toda desvergoña no intre de rematar unha discusión sen remedio nin amaño: Pleitos tengas y los ganes. Nada máis autentico que o saber popular, nada máis profundo que a tradición oral que vai pasando de pais a fillos, nada máis cargado de razón que esta, como moitas outras, maldicións, pola que desexamos ao que nos fixo mal o peor dos castigos; nada menos que velo en preitos, metido ata o fociño nos temas da xustiza e aínda peor que gañe estes preitos.

Pero é que certamente hai que ter moitas gañas para metermos e andarmos en preitos, litixios e outras zarandaxas tal e como andan os xulgados deste triste e gris país noso, por moito que xa saben quen diga na televisión, esa caixa cada día máis tonta, e mellor fábrica de mentiras, enganos e falsidades manipuladoras:"A Xustiza eche igual para todos".

Pois non, meus. Lamentablemente, non é así, dígao quen o diga. Todos sabemos que hai unha forma de aplicar as leis e castigar ou condenar, ou simplemente xulgar aos que a quebrantan, para os ricos e poderosos, sobre todo, porque poden soportar o prezo destes bufetes de luxo, e outra moi diferente para o resto, e xa non digamos para os que teñen que acudir ao turno de oficio, porque non teñen cartos nin para pagarse un procurador e un avogado.

A miña relación con tribunais polo meu posto de traballo en tanto estiven en activo e non me mandaron para casa -coa escusa perfecta dos ERE, prexubilacións e aforros máis ou menos descarados de persoal, custes e outras- foi sempre máis que desagradable, e cada vez que tiven que acudir en calidade de testemuña, por unha ou outra razón, saín da sala cunha estraña sensación de culpabilidade, unha vergoña calada e un desasosego máis que palpable, xa que, ao parecer, eu era máis culpable que o toro que corneou a Manolete.

Pero o colmo dos colmos foi hai uns meses, nos que por tres veces fun citado a declarar no xulgado, por un tema do que facía máis de doce anos, no que eu pouco ou nada podía aportar. A primeira das veces resultara un erro a citación do día da vista, polo que perdín o tempo e a viaxe; a segunda, a vista fora suspendida, por non sei que leria e historias legais; e, finalmente, á terceira foi a vencida. Iso si, na citación pola que quedas avisado que tes obriga ineludible de comparecer, déixase constancia de que tes dereito ao pagamento dos gastos de desprazamento, curiosamente no meu caso, aínda non recibín un peso, iso si, dinme na secretaría do xulgado que podo poñer recurso contencioso administrativo, xa que foran os demandantes os que me citaran, e teñen a obriga de correr eles cos gastos xustificados.

O dito, amigos, pleitos tengas y los ganes, sabia maldición xitana.

Compartir el artículo

stats