Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

tRIBUNA LIBRE

"Ex facto oritur ius"

'Do feito nace o dereito'. Talvez considerando isto, os soberanistas consumaron no Parlament a declaración unilateral de independencia (DUI) o pasado 27 de outubro, obviando que para que, como di a máxima, do feito naza o dereito é preciso que aquel sexa aceptado. En consecuencia, como non foi o caso, provocando unha forte reacción dos poderes do Estado e dos partidos non independentistas, cunha aplicación dura do artigo 155 da Constitución, despois de ser aprobada no Senado, estamos metidos nun labirinto de onde case todos creron poder saír mediante as eleccións convocadas para o 21 de Nadal. Outros, non obstante, pensaron acertadamente, como se está vendo, que non están servindo para nada máis que para continuar no labirinto, co agravante de políticos secesionistas no cárcere ou fuxidos da Xustiza en Bruxelas, que foron candidatos e resultaron reelixidos, entre eles o presidente cesado, Carles Puigdemont.

O PP di que todo se solucionará coa aplicación da lei e a defensa do Estado de Dereito. O PSOE, que non chega con aplicar a lei para resolver a cuestión catalá, pedindo concordia e reconciliación. Podemos alerta do perigo de recentralizar competencias e pide unha consulta legal. Cidadáns, que hai persoas excluídas na comunidade e que non se pode retorcer a lei; e os nacionalistas reclaman solucións pactadas que busquen un novo encaixe territorial no Estado, propoñendo restituír as institucións lexítimas de Cataluña. Todos eles sen reparar que, quizais, con todo isto xunto podería propiciarse a saída do labirinto. Mentres tanto, os independentistas acordan propoñer a Puigdemont para a investidura prevista para o día 30 de xaneiro. Pero esta só será posible de forma presencial. O que implica que o candidato se entregue á Xustiza, debendo esta autorizar o seu traslado ao Parlament.

No Libro dos abrazos, de Eduardo Galeano, unha muller é culpada de asasinato. Preguntados os seus veciños, que din querela moito, se a consideran culpable, responden que si. E interrogados de novo por que, contestan que porque o din os noticiarios, a radio e a TV. Puigdemont, Junqueras e demais políticos cataláns procesados, aos ollos dos españois son culpables de sedición, rebelión e malversación porque o din os medios, a pesar de que non foron xulgados. Conducir pola vía penal a cuestión catalá, sen buscar outras alternativas, pode alimentar o odio e converter en crónico un conflito que xa debería estar resolto politicamente mediante un diálogo intelixente e uns pactos oportunos. Utilizar a democracia para desbloquear esta situación era o que buscaba a aplicación do 155, cesando o anterior Govern da Generalitat e convocando as eleccións. Pero a democracia supón máis ca o escrutinio de votos, polo que o obxectivo pretendido non se acadou. Cabe pensar, en consecuencia, que talvez alguén se está equivocando.

Fronte ao sorpasso de Puigdemont a Junqueras -rompendo os prognósticos que daban a ERC como primeira forza soberanista-, que facilitou o acordo para que o ex-president volva ser candidato á investidura, a irrelevancia do PSC e os comúns e o afundimento da CUP e do PP -desaparecendo este case de Cataluña-, Rivera, exhibindo o éxito de Arrimadas, prepárase para ser alternativa a Rajoy en España. Cunha campaña contra o malgasto, o afundimento económico pola fuxida de empresas, o unilateralismo separatista e o incumprimento da lei, Cs consegue vencer nas principais cidades e converterse na primeira forza de Cataluña, gañando en votos e escanos, pero sen poder opor unha maioría de goberno. Sería un erro pensar que prolongar o 155 e alentar o código penal contribuiría a acadar unha solución. Mellor será buscar a reconciliación de bloques, dialogando e pactando, e consolidar o respecto das leis.

*Veciño da Estrada.

Compartir el artículo

stats