Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Luis Méndez Ferrín.

Contra San Mauro

San Amaro, ou Sanamaro, é un galego que se embarcou e puxo rumbo ao Outro Mundo, coma os da tribu de Breogán e San Brandan e o monxe Trezenzonio. Chegou a unha illa na que estaba a Cidade de Prata. Entrou e mirou as maravillas que a cidade atesouraba. Ao sair en procura do barco para regresar á súa ou nosa Terra, Sanamaro foi sabedor de que estivera na Cidade de Prata trescentos anos. Os mesmos, mais ou menos, que pasara San Ero da Armenteira ouvindo cantar a passariña, como puxo Afonso X o Sabio nunha súa cántiga famosa. Sanamaro estivera no Outro Mundo e experimentara o "gozo eterno" que dicía Filgueira Valverde. Toda Galicia está cuberta por santuarios e por igrexas que celebran o 15 de xaneiro este Sanamaro que non aparece no santoral oficial católico. Coma en Bretaña, coma en Irlanda, entre nós hai santos e santas que non están dados de alta nos rexistros vaticanos, nin tampouco nos ortodoxos, nin nos armenios nin nos amaháricos. Son santos autóctonos. Algúns deles, coma Sanamaro, viaxeiros en barco ou cabaleiros do asubío dun paxaro: até o Alén. Desde Sarmiento, polo menos, a Igrexa Católica está tratando de facer desaparecer o noso San Amaro, ou Sanamaro, poñéndolle enriba San Mauro, un monxe bieito regularmente canonizado. Pero da existencia de Mauro hai moitas dúbidas. A loita do clero colonial por substituír Sanamaro por San Mauro é longa e coñeceu derrotas pola parte da Igrexa Católica e do pobo que se resiste a perder o seu maravilloso varón autóctono. Por exemplo, en Galicia hai dous cemiterios de San Amaro. Un en Pontevedra e outro na Coruña: ambos urbanos e moi importantes. O primeiro conserva, por estar preto da Torre de Breogán seguramente, o nome xenuíno de Sanamaro. O segundo, non. O cemiterio municipal de Pontevedra, que foi de San Amaro e chámase hoxe, oficialmente, de San Mauro. En todo caso, vexo na prensa que en Matamá (Vigo), o pobo celebrou como é debido a Sanamaro, sobre quen, por parte, escribiu moi ben Cabanillas. Noutros lugares tamén prevalece o nome do mítico navegante ás illas imposibeis do Norte sobre o do fámulo secundario de San Bieito que nada lle portén aos galegos arraizados. Nós, Sanamaro.

Compartir el artículo

stats