Veu onda min Xavier Pousa, en plenitude de vida e potencias críticas e creadoras. "Quero que vexas a obra dun pintor noviño" -díxome.

Levoume á Praza da Princesa. Este recuncho clásico de Vigo, que se ten asociado sentimentalmente á Place Furtenberg do Barrio Latino de París, acollía unha das míticas exposicións de pintura a pleno ar que alí se celebraban no século pasado. Pousa levoume directamente a un cadro non figurativo no que aparecían texturas e rugosidades sobriamente adubadas en azul mar. Non volvín ver ese cadro pero el quedoume na reminiscencia. O autor chamábase Armando Guerra e era estudante, se non lembro mal, da Escola de Belas Artes de Valencia.

Axiña irrompeu Guerra na cabeceira dos nosos plásticos emerxentes e víase en algúns actos e en exposicións compartidas con Francisco Mantecón. Prodúcese un lóstrego e venme á memoria Guerra, e outros mozos, confluindo cos maiores naquela festa e afirmación dunha nova era plástica que foi Atlántica na apertura da década dos oitenta.

Señor da cor e crente no poder soberano da liña con valor expresivo, Guerra non foi dos que sucumbiu a cualquer chamada neofiguratista. Aínda que outros o fixeron, e moi ben e con moito talento. Outro alustre de memoria me trai agora o día no que Armando Guerra descobreu o gravado, a gravura, a estampación, que alguén chamou a arte soberana da modernidade, irmá da letra impresa, que nunca lograría o estado hexemónico.

Non foi un pintor que ofrecese as súas obras para seren pasadas a plancha ou a pedras litográficas ou a cortes na madeira por outros. Non. El posuía as súas propias máquinas e estampaba en por si. Moi ben, gravou, e grava e segue a gravar Armando Guerra. Sen precipitarse, resultou constante coma a pinga calcificada que termina por erixir a estalactita e facela coincidir coa estalagmita nunha columna final.

Guerra, por parte, foi o noso compañeiro no claustro do Instituto casa matriz dos de Vigo: o Santa Irene. No seu paraninfo das Travesas, Armando Guerra acaba de recibir unha homenaxe cálida dos compañeiros de docencia. A figura de Armando Guerra é carismática necesaria, hexemónica no inmenso escenario da plástica galega e da arte do noso tempo. Sumámonos cordialmente ao acto, e que a nosa humilde voz se una desde aquí aos compañeiros encargados de louvar no Instituto o seu talante e a súa arte. Tiña razón Xavier Pousa: había que estar atento a aquel rapaz.