O nivel de civilización dunha cidade ou país ten un marcador infalíbel: o estado en que se encontran os seus arquivos, as súas bibliotecas e os seus museos públicos. Circula estes días un documento, que eu acabo de asinar, no que o seu promotor, Xurxo Martínez, historiador en ascenso, denuncia o estado lamentábel no que se encontra o arquivo municipal de Vigo, instalado nunha especie de garaxe e sen un corpo facultativo que o atenda. Teño entendido que, desde a xubilación do inesquencíbel José G. Posada-Curros, o arquivo municipal da cidade en que moro carece de arquiveiro recrutado por oposición e en posesión dos títulos necesarios para exercer tan importante función.

En canto a bibliotecas, na cidade de Vigo hai unhas dúas municipais en funcionamento, en canto na Coruña son nove deste tipo as que lles abren as portas e ofrecen os seus fondos aos cidadáns. Establecer o número de libros públicos que existen nunha cidade por habitante constitúe tamén un marcador cultural relevante. É certo que a Fundación Penzol ofrece unha importantísima biblioteca especializada en temas galegos e un arquivo propio abertas ao público investigador en Vigo pero, neste caso, o concello limítase a cederle á istitución o vello edificio da Casa Consistorial para o seu uso, o cal debe ser agradecido cum laude.

En canto a museos, vexamos. Vigo, de inicio, pretendeu derrubar a antiga cadea e xulgados de Príncipe como fixo coa Estación, a Casa de Rubira e o Castelo de San Sebastián. Ante a oposición de sectores cidadáns ilustrados, transformouse o predio de Príncipe no que hoxe é o Marco, un maravilloso espazo de arte contemporánea no que lociron as monográficas de Mantecón e Huete, entre outras, e que está arelante por recibir as de Leopoldo Nóvoa e de Xosé Lodeiro. Vaise o Marco, segundo parece. Temo velo reaparecer desvirtuado. En canto ao Museo do Mar, o mellor del segue sendo o edificio que se inscribe na paisaxe do Muíño de Vento e de Cabo de Mar e da que fai parte o vello Matadeiro. Non hai en Vigo museo da conserva nin máis colección de embarcacións históricas que a privada e comunal que miman os veciños de Bouzas. En Vigo, non existe acuario, nin nada semellante. Iso si, as obras de Balaídos marchan un mundo ben.