Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

ao pé do farelo

Populismo e popular

Hay que ver como está el patio, Eustaquio, como diría o castizo madrileño. Hai tempo que dixen que non volvía falar de política, pero como recoñezo que son un mentiroso compulsivo, vou tirar, unha vez máis, polo camiño do medio e retomar o día a día deste circo do que comen, e moi ben por certo, máis dun e de dous, en tanto os demais miramos para eles, así nos vai, como nos contaba no colexio o mestre de matemáticas ao falar de media e mediana: Un come o polo e outro mira, pero, a ser dous, a cada quen tocoulle a metade. Cousas veremos!

Agora mesmo os populares sacando peito, a pesar de que cada día sonche máis impopulares. Os do PSOE, nin fu nin fa, nin pinchan nin cortan; por certo, que foi dunha tal Susana?, a do rato non, a presidenta das Andalucías do mundo mundial que ía cara a presidencia do país e colleu as de Villadiego, que nin Deus sabe onde queda nin como se pode ir ata alá; eu seino ben despois de pasear hai uns días pola súa praza maior, e ler unha pancarta na que se denuncia: Para tomar as de Villadiego, polo menos hai que ter boas estradas. Xa ven que en todas partes cocen fabas.

Perdín o fío pensando no Puigdemont e as liortas desta historia interminable da sedición, ou independencia, tanto me ten, así que volvo sobre os meus pasos, e sigo co artigo que non pretende sentar cátedra, nin ser un tratado de teoría política, quen me dera; eu, unicamente son un observador, pasmón e pasmao, que cada día entende menos de nada.

Xa digo, PP e PSOE, xuntiños da man cos de Rivera; non oh, os de Jose Antonio non, nin os de Primo, non sexan mal pensados, estes son máis moderados, modernos e modositos, e ademais teñen alí arriba, en Cataluña, un bastión irredutible. E os de Podemos, que non poden, porque o mestre Iglesias, chamado O Coletas, non sei se, coma Sansón, ten a forza no pelo ou na lingua, pois que non poden, e entre liorta e liorta, aproveito para cargarme a algún, que ríanse vostedes das famosas purgas estalinistas. Enorme decepción, sinceramente recoñézoo.

O que non estou por aceptar é o de populismo, miña nai, que coñazo co populismo, cara arriba e cara abaixo, semella a caixa de Pandora, o filtro máxico de Fierabraás. Que se isto non me gusta, populismo que te criou, que se se opoñen ao rodillo e ao pisoteo do sentido común máis elemental, están facendo populismo, que se presentan unha proposta máis ou menos sensata, volvemos co betún de Xudea e o populismo máis elemental. Noxo de populistas e populismo.

Pero, miren, populismo é un termo que non forma parte do dicionario da Real Academia Española da Lingua. Enténdese dun xeito pexorativo como concepto político polo que se fai referencia aos movementos que rexeitan os partidos políticos tradicionais das clases dominantes ou castas, apelando ao poder do pobo e as clases máis desfavorecidas e humildes. En tanto que curiosamente popular nace do concepto de "soberanía popular", que recoñece e recolle a nosa Constitución de 1978: A soberanía nacional reside no pobo español, do que emanan os poderes do Estado.

Paradoxo, hoxendía os populares, os do PP, non son precisamente o pobo máis desfavorecido socialmente e de menos recursos económicos como clase social.

O mundo ao revés.

Compartir el artículo

stats