Estamos cerca de rematar o ano 2017, que sen dúbida foi o do comenzo dunha recuperación longamente agardada, e que xa asoma con forza para un amplo número de veciños e empresas do noso concello, aínda que dista moito de ser suficiente.

Sempre digo que a crise tan forte que vivimos dende o ano 2007, a pagaron aqueles que non a provocaron. Quedou demasiada xente polo camiño, que non o merecía, e que foron vítimas da insensibilidade dos poderes económicos que no peor dos momentos pecharon o paraugas, cando arrollaban chuvias de desesperación a empresarios e autónomos que o único que fixeron toda a súa vida foi traballar.

Lalín respira aires de cambio, e de necesaria apertura de mentalidade cara o futuro. Pasamos dunha sociedade en momentos excesivamente conservadora, ao progresismo da convicción de que nesta sociedade, todos e todas temos que sumar, e ninguén é quen de mirar ao veciño por riba do ombreiro. Os números son determinantes; as licencias de novas aperturas de negocios e cambios de titularidade son inequívocos de que volve a activarse o circuíto económico, malia que algúns aínda arrastran a cadea infinita das consecuencias da crise. Dende o Concello tratamos de axudar con medidas contundentes como rebaixar para todos os veciños e veciñas o IBI até o mínimo legal, para axudar ás economías das familias no consumo. Nunca poderei crer en políticos que no peor dos momentos aumentan os impostos do mesmo xeito ás persoas con máis dificultades e á mal chamada "clase media", que cada vez era menos "media" pagando as consecuencias da deslealdade social dos que toman decisións erradas en despachos enmoquetados.

Aínda hai moito que remar en Lalín debido á situación do sector gandeiro. O chamado "catastrazo", imposto polo goberno de Madrid, non é máis que unha navallada ás posibilidades de recuperación dun sector sen cuxa existencia Lalín estaría inmerso na desesperación económica e social. Bonificamos co 95% o IBI ás explotacións agrícolas e gandeiras, que é o máximo que permite a lei, porque sen rural, sempre será moito menos Lalín. Temos avanzado moito en traballo no rural cun investimento en pistas superior aos 700.000 euros, con arranxo de tramos con zahorra que levaban anos demandándose, ou con arranxos de locais sociais para a actividade das nosas moi dinámicas asociacións veciñais. Pero queda moito que facer en cuestións como a canalización de auga, en medio dunha seca histórica, e dos sempre complicados proxectos de sumidoiros, nos que traballamos arreo agardando ter proximamente fondos europeos para eles, máis os que aporten os nosos propios recursos.

Lalín en 2018 no seu casco urbano experimentará un "lavado de cara", grazas ao investimento de fondos EDUSI por contías de 5 millóns de euros, que marcará un antes e un despois na nosa Vila, na que xa comenza a baixar o paro, e os emprendedores preguntan xa polas posibilidades de investimento nos nosos polígonos. Pero para todo isto é necesaria unidade de acción entre todos e todas, porque os que aos que poñan paus nas rodas e pedras no camiño, estou seguro que llo demandará a Historia.

Ou non?

*Alcalde de Lalín