Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Luis Méndez Ferrín.

Hildegart bolxevique

A mente máis lúcida do comunismo na II República

Vexo que, nestes días, son varias as iniciativas que aquí e no mundo están a promover actos conmemorativos da Revolución Rusa. Non se está a recordar coa forza necesaria o feito de que esta Revolución teorizou definitivamente e puxo en práctica de xeito modélico o concepto de nación con dereito á autodeterminación e construíu unha URSS plurinacional e multilingüe.

Ocúltase, con moito coidado, que Castelao tomara dun dos moitos escritos de Stalin sobre o asunto a definición de nación, e aplicouna a Galicia. Seguindo a doutrina soviética, pois, Castelao aprópiase literalmente da definición que Stalin fai de nación e, tras de comprobar que as características galegas cadran con perfección co concepto, conclúe que temos dereito a decidir libremente o noso destino. Despois, Castelao manifesta a doutrina dominante nas Irmandades da Fala e da cal o independentista Manuel Antonio se arreda: Nós, usando do dereito á autodeterminación, escollemos unha Galicia que se constitúa dentro da República Federal Española como Estado membro. Pola súa parte, Otero Pedrayo insistía en que o seu soño era, para Galicia, o dunha Grande República Campesiña. O refugallo carrillista parece que hoxe celebra o aniversario do acontecemento revolucionario soviético pero non ve a Stalin. E, se o ve, é para arrenegar del. Tal como fixera o PCUS o día no que iniciou o camiño que terminaría na Perestroika que, no que o círculo ao que pertencemos, soe decirse en francés: "désastre obscur".

Felizmente, tócanse outros temas, como é o do feminismo revolucionario e óese falar de novo de Aleksandra Kollontai, aínda que eu quixera ouvir algo, especialmente en Ferrol, da infeliz Hildegart Rodríguez Caballeira, a mente máis lúcida do comunismo xuvenil nos días da II República Española. Por parte, segue a ocultarse a arte de vangarda soviética e moito máis o feito de que as mulleres ocuparon a primeira liña da revolución leninista na súa dimensión plástica. Da teoría do "biarcalismo" marxista leninista falaremos noutra ocasión.

Compartir el artículo

stats