Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

ao pé do farelo

A soedade de Mª del Rosario

Hai tempo, co gallo da concesión do premio Cervantes 2016 ao escritor Eduardo Mendoza, deixábanos, entre outras moitas perlas a modo de reflexión, a seguinte frase no seu discurso de agradecemento: "Asisto perplejo, atemorizado y muy descontento a lo que día a día está ocurriendo a nuestro alrrededor". Eu, se non fora porque non son quen, faría meu o seu lamento, e complementaríao coa seguinte pregunta: Que nos está a pasar? Vivimos sen vivir unha vida banal e insolidaria.

Hai uns días non era quen de pasar o meu almorzo lendo nos xornais: Atopan morta no pasillo da súa casa a unha muller, falecida hai máis de sete anos, sen que ninguén a botara en falla, nin notara a súa ausencia. Ollo!, non estamos a falar dunha eremita no medio do monte, vivindo nunha cova, illada do mundanal ruído. Para nada, a pobre muller viviu e morreu nun apartamento de tantos, rodeada de veciños, con porteiro no acceso do edificio, co seu coche aparcado no garaxe, con conta no banco; por certo, foi precisamente a causa de que se soubera todo, os cartos esgotáronse e o banco empezou a devolverlle os recibos do arrendamento do seu piso. Tivo un traballo asalariado e tan so tiña 56 anos de idade. Viviu en silencio, coma tantos caladiños e invisibles da nosa aldea global, mundo mundial das marabillas capitalistas carente de tempo que perder nos demais, porque todos nós somos o embigo do universo e tan so nos interesa o noso, e morreu tal e como fora a súa vida, en silencio, en soidade e sen molestar a ninguén.

Ao seu enterro, máis ben cremación dos seus restos mortais, non acudiu ninguén, tan so o funcionario da funeraria encargado do caso, que esparceu as súas cinzas polo xardín de beneficencia do cemiterio de Feáns da Coruña. Non houbo bágoas, nin pegarías, nin despedidas de familiares, amigos ou veciños, porque a ninguén lle interesou en vida, moito menos na hora da súa morte. Ninguén a recordará xamais, nin botará de menos, nin gardará un recordo fermoso dela. Morte total e desaparición completa e absoluta.

Terrible, certamente non hai cualificativo, máis ca pena e tristura sinto un inmenso horror porque esta é a realidade da nosa sociedade de consumo, na que tanto tes tanto vales, e na que calquera nova dura un chisco, se non facemos oídos xordos, ou miramos cara outra parte, porque non nos cheira ben e menos nos gusta.

Que inmenso burato de fracaso.

Compartir el artículo

stats