Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Ramón Pena

DE BOLINA

Xosé Ramón Pena

Guai Paraguai/Paraguai Guai

Sen dúbida que han de estar todos Vdes -sempre moi amables lectores destas crónicas semanais- ao cabo da noticia: velaí que, a partir do 30 do mes que habitamos, ano de graza de 2017, e tan logo como entre en vigor a reforma do Rexistro civil, a orde dos apelidos deixará de ser aquela que todos viñamos coñecendo durante décadas e máis décadas: nun prazo de tres días, os proxenitores do novo/a cidadán/á, terán que decidir cal dos dous primeiros patronímicos (paterno ou materno) irá por diante. En caso de que papá e mamá non se poñan de acordo, será o funcionario de turno quen determine a solución: xa por orde alfabética, xa por sorteo ou xa por estética (sic).

Segundo un rápido -pero non por iso menos fiable- inquérito realizado entre algunhas amigas e coñecidas -e tamén entre algúns amigos e coñecidos, aínda que non me quedou moi claro, todo hai que dicilo/escribilo, se as respostas destes obedecían a unha verdadeira convición ou, simplemente, ao afán de quedaren ben diante das súas respectivas-, trátase dunha nova, e moi simbólica, conquista en favor da igualdade xurídica dos sexos e, desde logo, contra a discriminación das mulleres tanto tempo reinante neste país de países, arquipiélagos, prazas de soberanía, Perejil e Catalunya triomfant adxuntos. En fin; ás veces -disimulen a miña falta de fe- nin chego a entender como a humanidade foi quen de avanzar no medio e medio de tanta escuridade e desolación; con todo se acontece que, en efecto, semellante caso vén constituír un avance como o descrito, benvida sexa a referida medida por máis que, para ser sincero, a iso da opción da "estética" en mans dun funcionario non me acaba de resultar moi alentadora. Como queira que un servidor foi frade antes que cociñeiro, sucede que lembro ben o adaxio: "se é funcionarial non é estético e se é estético non é funcionarial". Ao tempo!

Se facemos un veloz percorrido pola tradición occidental, veremos que mentres os británicos e norteamericanos só usan un -o do pai; de feito, a muller casada vén adoptar o do seu marido; non obstante, algunhas mulleres decidiron conservar tamén o seu apelido de solteiras-, en Alemaña e Francia, onde acontecía iso mesmo, xa é posible que o patronímico que se lle impoña ao recén nacido sexa o da súa nai. En Suecia, e en caso de que non exista acordo, o cativo ou cativa devén rexistrado/a,precisamente, co apelido materno. Tamén o apelido da nai é o primeiro que se impón en Portugal e no Brasil; porén, non se me poñan Vdes. rufos/as: se procuran a guía telefónica dos nossos irmãos da outra beira do Minho/Miño, comprobarán que alguén que se chama, por exemplo, António Rodrigues Baptista figura nela polo "b". Isto é, cómpre procurar a información por: Baptista, António R.

Non teñen incertezas os eslavos: no imperio de Putin, e provincias máis ou menos adxacentes, o que se fai é formar o apelido a partir do nome do pai e punto e parágrafo. Que o referido señor se chama Paul? Pois, se é neno, será Paulov; se é nena, será Paulova. Azul e rosa.

Desde os nomes de persoas (Estevo-Estévez; Benítez-Benito; Aymerich-Aimery; John-Johnson; Friedrich-Friedrischsohn...); tamén desde esoutros de oficios (Tejedor, Ferreiro; Moliner -"muiñeiro"-, Taylor ("xastre"), Bacqué -"vaqueiro"-, Fischer "pescador"); aínda a partir de características físicas (Calvo, Pétit -"pequeno"- Swift -"veloz"-, Kraus "pelo rizado", Capone "cabezón"); mesmo toponímicos (Valencia, Inghilterra, Minsk, Bayer...); en fin, relacionados coas cores (Verde, Bianco, Brown -"marrón"-; Rossi -"vermello"-): velaí algunhas das orixes dos apelidos no noso entorno. Certamente, hai para todos os gustos.

Vivimos, dito/escrito está, nun país de países, supostamente plurilingüe. Mais é o caso que fóra de Galiza -e mesmo dentro dela!- o autor destas liñas semanais tivo que escoitar unha verdadeira chea de veces, ao saberen do meu apelido, aquilo de "¿Pena? ¡Ay, pena, penita, pena!", sen que o interfecto meditase nin por un segundo a equivalencia Pena/Peña/Penya. Aínda ben que Dna. Flores e mais os seus descendentes -especialmente Lolita, nas súas vinte e poucas primaveras- formaron sempre parte do meu particular santuario!

Pois ben; é por iso mesmo que, por máis que me pareza un notable avance, ese que imos dar todos e todas xuntos o próximo 30 dos presentes, non estarei contento nin considerarei a "cousa" realmente democrática ata que cadaquén se poida apelidar como lle pete. Despois de todo, non se está a chamar a xente, que sei eu, Jennifer/Jenifer/Yennifer/Yenifer; Vanesa/Vanessa; Leticia/Letizia, Míchel/Maikel; Rafael/Raphael; Yago/Iago/Santiago...? Pois, daquela, a santo de qué teñen algúns que aturar para toda a súa vida o castigo de apelidarse Feo (ou Guapo, sobre todo cando a natureza teima no contrario), Grande (e non pasar do 1,60), Calvo (e ter un pelón que nin Maradona), etc, etc, etc? Fago desde aquí o chamamento: "Ofendidos (algunha vez) por causa do voso apelido do mundo: unídevos! Unídevos ata conseguirdes/conseguirmos que nos poidamos apelidar Guai Parguay/Paraguai Guai!" O da orde, neste caso e como nos deprenderan de cativos respecto de Isabel e Fernando, tanto monta/monta tanto.

Compartir el artículo

stats