Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

tRIBUNA LIBRE

Os piratas desembarcan na Semana Verde

No pasado mes de marzo, a Feira Internacional de Galicia (FIG) adxudicou os servizos de vixiancia e seguridade para o ano 2017 á empresa Alcor Lugo S.L. Esta empresa ostenta o dubidoso honor de ter aberto un sumario xudicial de 16 tomos, imputada por delitos contra a Facenda Pública, contra os dereitos dos traballadores, falsidade documental, fraude con cursos de formación, fraude á Seguridade Social, etc. No ano 2015 foron detidos varios dos seus directivos, empezando por Carlos Somoza, o xerente. No 2016 o Consello Galego da Competencia impúxolle unha multa por competencia desleal nun concurso público convocado polo Concello de Lugo, e o Tribunal Superior de Justicia de Asturias condenouna a abonar os salarios establecidos no Convenio Estatal de Seguridade, xa que Alcor elaborara un convenio propio que incluía unha redución de máis do 20% na contía dos salarios.

Ante a cantidade de denuncias por parte dos sindicatos e as nefastas experiencias amosadas nos foros de vixiantes de seguridade en internet, non é de estrañar que Alcor Lugo fora agraciada coa distinción de "empresa pirata" pola súa traxectoria cando menos dubidosa en canto á legalidade e boas prácticas se refire.

O que si resulta ben estraño é que esta firma siga a prestar servizos a administracións de toda España, e tamén que o avogado defensor do xerente de Alcor fora nada menos que Javier Gómez de Liaño, exxuíz da Audiencia Nacional e defensor de Luis Bárcenas. Cousas que só podemos entender como resultado da desidia institucional, no mellor dos casos, ou da súa conivencia, no peor.

Outra decisión que tomou a Semana Verde foi ignorar absolutamente ós traballadores da empresa saínte, os cales teñen dereito a conservar o seu emprego coa nova empresa adxudicataria, o que se denomina "subrogación". A subrogación é un requisito de obrigado cumprimento neste caso, recoñecido no Estatuto dos Traballadores, no Convenio Colectivo Estatal das Empresas de Seguridade, na Lei de Contratos do Sector Público, e reiterado pola xurisprudencia (sentencia do Tribunal Supremo do 13 de novembro de 2013). Para cumprir a lexislación vixente, a Feira tiña que facer constar a información relativa ós traballadores a subrogar no prego de condicións que regulan a contratación deste servizo, cousa que non fixo.

Cando os prexudicados pedimos explicacións, a resposta que recibimos de Ricardo Durán, actual director da Feira, foi que esta omisión se fixera "sen querer", é dicir, por un simple despiste. Unha razón moi axeitada vindo de alguén que é licenciado en Dereito, especializado en Dereito Administrativo, e que conta co respaldo da Asesoría Xurídica da Xunta. Desde logo que non dubidamos da inocencia do despiste, o que nos sorprende é que fora tan amplamente compartido.

Quizais á Semana Verde lle sae barato contratar a unha empresa que xa demostrou que tira os prezos a costa dos traballadores e que falsea os custes salariais para obter contratos públicos. Quizais prefire aforrar cartos antes que coidar o seu xa desvalorizado prestixio e credibilidade como fundación de interese galego e entidade sen ánimo de lucro. Porén, quen realmente vai pagar esta factura somos os de sempre, e para nós o prezo si que vai ser alto.

Pero o bo de non ter nada é que tampouco se perde nada, e iso vainos animar a ir a por todas: a polos que exercen a piratería e a polos que consenten, facilitan ou financian tan nobre oficio. Vémonos en alta mar.

*Traballadores da anterior firma de vixiancia e seguridade da FIG

Compartir el artículo

stats