Os bancos, segundo ditaminou o Tribunal de Xustiza da U.E. o 21 de decembro do pasado ano, deberían devolver integramente o diñeiro cobrado aos seus clientes pola aplicación das cláusulas adoito abusivas nas hipotecas, que impediron durante anos que millóns de clientes puideran beneficiarse de rebaixas nos tipos de interese.

O goberno do Partido Popular, entre cotoada e cotoada xudicial á banca, tentou aprobar unha solución extraxudicial para que clientes e bancos atopasen unha saída rápida que non bloquease os xulgados con miles de denuncias. Unha vía extraxudicial que pretendía facer crer que os bos amigos poñeríanse de acordo. Pero non está a funcionar como debería. Os bancos non asumiron nunca as sentenzas que lles condena a devolver o diñeiro, porque a árbore que nace torta, tarde ou nunca se endereita.

As entidades financeiras seguen convencidas de que, en moitos casos, informouse correctamente aos clientes e que non houbo fraude. Todo pese a que os tribunais están repletos de sentenzas que condenan á banca fronte aos seus clientes ou a pesar de que nalgúns casos a indemnización as asume o FROB.

No Concello de Cambados vense de aprobar unha moción no pleno municipal instando ao goberno do PP a resolver esta situación canto antes, á vez que se creou unha oficina municipal de atención aos afectados por estas cláusulas abusivas e pola que pasaron máis dun cento de veciños, onde se lles informou de forma individualizada.

Pola contra o grupo da oposición limitouse a petar na porta do seu partido en San Caetano, pero non para pedir que se axilizaran estes tramites ou que se creara unha norma para que os veciños cobraran canto antes o que lles corresponde, non, o único que lles pediron foi o argumentario para saber que tiñan que dicir no pleno e que era o que tiñan que votar na moción.

Señores do PP, o que realmente lles preocupa aos veciños e veciñas de Cambados, non son as grandes obras nin os mausoleos proxectados en papel de fumar, se non que os bancos lles devolva canto antes os seus cartos.

*Xurxo Charlín é concelleiro de Facenda en Cambados.