Santa Xoana de Arco, San Luís IX, San Roque, San Martiño de Tours, Santa Teresiña de Lisieux, Santa Omaha Beach, San Charles de Gaulle... Realmente, e para ser un país tan declaramente modelo de laicidade, patria de librepensadores de postín, volteriano e revolté, moito é o que confía Francia, moito é o que se encomenda ao favor dos seus santos milagreiros. Agora mesmo, e sen ir máis lonxe -e por moito que nas cerimonias patrióticas continúen a cantar os gabachos aquilo tan bonito de Allons enfants de la Patrie Le jour de gloire est arrivé!- o certo é que veñen de depositar outra volta as súas esperanzas nas máxicas habilidades dun novo (suposto) virtuoso, benaventurado: velaí San Emmanuel Macron que os libere das celadas, andrómenas e engados mil do maligno (ou, neste caso, da maligna) a prometer a nova xeira dunha fronte nacional contra fontaneiros polacos invasores, albaneis gregos vagos e maleantes, agricultores españois competidores desleais, industriais teutóns "boches" e soberbios..., malvados musulmáns chegados de toda Musulmania. Alors, Saint Emmanuel, priez por nous!

Claro que, en realidade, acontece de veras que os franceses se están a acoller á iluminación dunha nova santidade ou, mellor e como moi ben expresaba nestas mesmas páxinas, hai uns días, Matías Vallés, sucede que "Francia se resigna a Macron"? Diante das extrañas conxuncións dereita-esquerda-abismo (máis á dereita-máis á esquerda-máis abismo), a única saída posible consistía en entronizar no Palais de l'Élysée a un tipo que nin é de dereitas, nin é de esquerdas, nin é de aquí nin é de alí, nin ten idade, nin mesmo carnet de identidade? Un presidente, pois, cuxa única función veña resultar ser a de asegurar -veremos por canto tempo- que a Europa Folies Bergère que habitamos manteña en pé a súa inacabable decadencia?

Desde logo, os grandes centros emisores andan a afirmar -claro que era de percibir que tal fixesen- que están encantadísimos, o perigo pasou, respiremos fondo e tranquilamente. Con eles -como tamén era de coidar-, así mesmo aseveran as terminais, e aínda as terminais de terminais de terminais que neste domesticado oeste padecemos, que a paz reina en toda parte; os nefastos populismos perderon, sen lugar a dúvidas, a súa batalla do Marne. Primavera en Berlín, primavera en Madrid e primavera, naturalmente, en París; que cante, que cante Maurice Chevalier!: " Paris c'est une blonde/qui plaît à tout le monde (...) S'en vont mais reviennent toujours/Paris à ton amour!"

Non me xulguen os, sempre moi amables, lectores destas liñas semanais, un desavegoso, infeliz cinsento, disposto decote para a perrencha; nada máis lonxe do cronista, poden Vdes. acreditar ben niso! Pola mesma, igualmente lonxe de min calquera paixón pola apocalypse now ou mínima querencia verbo de terramotos, tsunamis, erupcións volcánicas ou xoves negro, big crack en Wall Street (ou en Hong Kong, Tokyo, Frankfurt...) Mais é o caso de que dá a preocupante sensación de que nada, ou moi pouco, parece que algúns aprenderon. O que é peor: non mostran o menor sinal de arrepentimento e/ou aflición, tan felices como os ghichos se moven -corruptos por aquí,corruptos por allí/ chiu, chiu,chiu!- anunciando/prometendo máis e máis reformas, retrasando/xibarizando pensións, deconstruíndo, arrebolando, chimpando, esvaendo, derramando... os restos daquilo que se chamara o Estado do benestar. Ademais, benestar para que? Como xa, seica, sentenciara María Antonieta: "Se non teñen pan, que coman pasteis!" (ou S'ils n'ont pas de pain, qu'ils mangent de la brioche!, para os amantes da VO). Si, OK, vale, pero... ata cando?

A taxa de paro actual no Reino Unido anda agora mesmo polo 4,7% (o 12, 4% nos menores de 25 anos) e os habitantes da Gran Bretaña xa optaron polo "Brexit". O desemprego en Francia alcanza no que vai do 2017 ao 10,1% da poboación (o 23,7% nos menores de 25 anos) e xa vén Vdes. con que clase de lume se poñen a xogar os gabachos e que horizontes teiman en deseñar. A pregunta, xa que logo, non pode ser máis que esta: e que farían os tales se, como en Grecia, as cifras fosen, respectivamente, do 23,5% e do 48%? Non; non parece que aprendan nada nin que teñan ganas de aprender polos salóns e corredores das alturas: sen embargo, deberían considerar que, tous les saints non o permitan, se París se tornase Atenas..., e por moito que o sistema electoral vixente alén Pirineos falsee a realidade socio-política, as tropas do Front National (ou de algo parecido) desfilarían, si ou si, pola Avenida dos Campos Elíseos.

Xa pode devir, pois, Macron un novo santo de Francia. Sans attendre, sans demander, sans s'arrêter retrucaba día si e día tamén aquel rapaz -o seu pai enviárao a estudar Medicina en Montpellier- antes de enfornar con todo o que estaba posto na mesa. "Mira, neno -acabou por explicarlle o seu proxenitor-, eses santos franceses que ti dis, serán moi milagreiros; pero, desde logo, tamén che son moi maleducados!".