Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Luis Méndez Ferrín.

Os camiños da vida

Xosé Luis Méndez Ferrín

Walcott en por min

Falo, si, en por min, e nin debo de ter razón. Hai unha camada de poetas-educadores nos que se confonde tumultuosamente o que os ingleses chaman "modernism" coas formas avesas que agurgullan do subconsciente. Son Pimentel, Éluard, Eliott, Manuel Antonio, Elitis, Montale, Aleixandre, Quasimodo, Lorca e Pound, Ezra Pound. Destes, que naceron co século XX e souberon facerse cargo da súa Historia, xermolan outros máis novos cales poden ser Gamoneda, Cuña, Novo, Manuel, e o Semus Heaney que sabía diferenciar unha bomba do IRA dunha bomba de pozo.

Un deses que viñeron surfeando na segunda onda poética do século XX é Derek Walcott, de quen nos participan o falecemento. Derek Walcott procedía dunha illa mínima, Santa Lucía, de onda outras infinitesimais coma Granadinas, do xénero das caribeanas que conseguiron a independencia moito despois de que se emancipasen os fillos da xente da miña xeración.

Non seguiu Walcott a doutrina da negritude, hoxe en desuso, de Léopold Sédar Senghor, sempre garimosamente lembrado por nosoutros. Walcott deglutiu a tradición do "modern verse" inglés, e depurouna de ósos. De aqueles ósos que, nembargantes, seguían lastrando o poema nacional-radical de Heaney. E nun esforzo supremo, no que foi asistido pola ambición absoluta dos Cantos de Ezra Pound, Derek Walcott decidiu edificar algo totalizador que equivalese no noso tempo á Divina Comedia ou ao teatro completo de Shakespeare.

Con certeza, o pulo creativo e a intención de Walcott ao escribir Omeros só poden ser asociados ao "élan" e tensión que mantivo Eduardo Pondal durante toda a vida para serlle dado terminar Os Eoas. Ou sexa que Omeros, en termos comparatistas, só pode ser relacionado, aínda que a distancia, con Os Eoas do noso Bardo. Sendo o poeta defunto autor de libros poéticos saborosos e consoladores, Omeros é o cumio da súa obra poética.

Logo de escribir e publicar algo como Omeros un poeta ten forzosamente que deixar de o ser no resto da súa vida. Recordaba Luís G. Tosar que o PEN trouxera Derek Walcott a Galicia en ocasión do Día Mundial da Poesía, so o patrocinio da Unesco. Daquela saudamos a Derek Walcott, quen nos pareceu un cabaleiro agradábel e verticalizado, algo distante e certamente persuadido da propia grandeza, como di a lenda que Pondal foi. Non; non coido que Derek Walcott pretendese emular os poemas homéricos, con todo.

Compartir el artículo

stats