Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

tRIBUNA LIBRE

O pacto de Agolada

Xuntáronse catro un día, os mellores deste barrio, mataron un gato a tiros e metérono no saco.

Serve a cántiga do grupo A Roda para visualizar a situación da Mancomunidade de Deza. E non eran catro, senón cinco, os alcaldes que en días pasados sentaron ao redor dunha pitanza en Agolada para tratar o asunto da mancomunidade. Vaia o meu respeto para eles e tan só a licenza da cántiga para facer unha brincadeira sobre tal xuntanza.

Que a mancomunidade non ía servir para case nada, xa o tiñamos presente moitos cando ao daquela alcalde de Lalín, José Crespo, se lle ocurríu a idea de constituír unha mancomunidade de concellos en Deza. Boa idea, pensamos. Xuntar esforzos municipais para dotar de mellores servizos a aqueles concellos que, polas súas pequenas dimensións, tanto económicas como administrativas, non eran capaces de satisfacelos. Solidariedade.

Mais pronto se puido observar como ningún dos capitostes que daquela gobernaban nos concellos de Deza estaba disposto a ceder competencias e soberanía para xuntar sinerxías nun ente superior que mellorase a calidade de vida da veciñanza da comarca. Así foi como algúns deixaron de pagar as aportacións aprobadas, e a mancomunidade resentíuse economicamente, ao mesmo tempo que deixaba moito que desexar a transparencia sobre a súa contabilidade. E, nisto, Dozón baixouse do tren... Ninguén ía mandar na súa leira... faltaría máis...

Mentres a mancomunidade tan só servía (e nesas estamos) para ter tres ou catro máquinas para arranxar pistas. Fóra diso nada... de nada. Leas partidarias cos novos alcaldes. Mais ningún servizo mancomunado: a recollida e tratamento do lixo (vehículos de recollida dun concello desprázanse varios quilómetros mentres o concello do lado podería facer a recollida máis perto aforrando gastos), a prevención de incendios, a promoción do solo industrial (hai polígonos saturados na comarca e outros mortos de risa e a silvas e toxos, ermos), a planificación e protección urbanística (hai concellos sen arquitecto municipal ou cun servizo deficiente podendo compartilo con outros), os servizos sociais (o persoal do SAF recorre varios quilómetros ata parroquias lonxanas perdendo tempo cando podía ser atendido por persoal doutro concello, mancomunando o servizo), o transporte público (non hai rede comarcal que satisfaga a demanda da poboación maior con dificultades de condución e desprazamento).

Estes, e outros servizos novos (chegou a era dixital), poderían satisfacerse pola mancomunidade sen menoscabo de quen sexa alcalde nin de quen goberne en cada concello. Un único interese: dotar á veciñanza de calidade de vida.

Altura de miras pídelles a estes cinco alcaldes quen foi ponente e redactor dos estatutos da Mancomunidade das Terras do Deza. Ilusionado embarqueime nese proxecto prometedor que pronto desilusionou e ficou nun ente máis, obsoleto, dos que hai que evitar no sector público. Fago un chamamento público para que a mancomunidade sexa o que tén que ser...; se non, mellor liquidala.

*Veciño de Brocos (Agolada) e redactor dos estatutos da Mancomunidade Terras do Deza

Compartir el artículo

stats