Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Luis Méndez Ferrín.

Presidente Alonso Ríos

Bos Aires: nun acto de masas, Antón Alonso Ríos pronuncia o seu discurso. Eu véxoo vestido cun impoluto terno branco. A voz del é aguda e exprésase fraseando con precisión na que non ten lugar o anacoluto. É un ancián dignísimo que preside o goberno galego no exilio ou sexa o Consello de Galiza. Estamos en 1968 e eu fora a Bos Aires como parte dunha ambiciosa operación nacionalista que Alonso Ríos apoiou desde o seu rango de sucesor indiscutido de Castelao. Ouvindo as falas de Antón Alonso Ríos eu volvíame incorporar á Historia que me fora negada pola fraude do galeguismo piñeirista.

Na Transición, o Consello de Galiza foi suplantado polos chamados "nacionalistas históricos", e Alonso Ríos morreu sen poder ter nin o xesto de resignar a autoridade que lle confería a presidencia do Consello de Galiza para a lexitimización do novo estatuto. Non se chamou por el nin polo Consello de Galiza, que tiña, sen embargo, representación oficial no interior. Os fripóns erixíranse desde a falacia coma galeguistas únicos e as enciclopedias e os historiadores seguen a debuxar o labirinto de Mogor que o poder lles ordenou.

Digo que a última autoridade republicana de Galicia foi Antón Alonso Ríos, ao cal o pobo do concello de Tomiño, no Baixo Miño, lle acaba de conceder unha alta honra. Esta é a de nomear o de Tomiño como Instituto Antón Alonso Ríos. Ogallá isto serva de espora para mover a priguiza burocrática da interpretación histórica de Galicia e facer que se pense de novo a figura e a obra de Antón Alonso Ríos. Emigrante, desde a adolescencia foi home da esquerda agraria radical, republicana e nacionalista galega. Pedagogo de fina sensibilidade, a súa oratoria era conmovedora. Fixo parte do reducido continxente dos nacionalistas que, concorrendo ás eleccións de 1936 co Frente Popular, non o fixeron nas fileiras do Partido Galeguista.

No exilio, e logo dunha clandestinidade que el mesmo relatou admirabelmente, Alonso Ríos incorporouse ao Consello de Galiza e morreu tristemente da mesma consunción que acabou co organismo que presidía. Non aceptou a Reforma Política monárquica que diu lugar ao réxime vixente. Foron moitos os que abafaron e acabaron co Consello de Galiza e todos están destinados a render contas, aínda que estean mortos. Antón Alonso Ríos, o noso último Presidente, dalle agora nome a un centro de ensino público da bisbarra galega na que foi mestre querido e admirado.

Compartir el artículo

stats