Desde que se ergueu o pano, tras a chegada dos primeiros pereiriños ao noso centro, alá por maio de 1977, o Teatro -coa súa infinda riqueza educativa- foi gañando un espazo de seu, ata se converter nun dos eixos vertebradores da vida escolar do noso CEIP do Foxo.

Hai once anos (novembro de 2005) a comunidade escolar decide poñerlle o nome dun dos grandes dramaturgos da nosa terra a un ex-alumno da escola de Rubín que triunfara coas súas pezas dramáticas alén mar, Manuel Daniel Varela Buxán, un dos nosos guieiros, que nos trouxo da Capital da Prata un verso marabilloso, todo un galano de esperanza, "o mellor faro pra impedir que os pobos tropecen é unha escola".

O 29 de abril de 2015, a comunidade escolar decide que a sala de mestres do noso colexio leve o nome do grande dramaturgo (mestre exemplar), Don Olimpio Arca Caldas.

Somos sabedores de que a persoa que hoxe homenaxeamos -da man da Asociación Cultural Vagalumes- foi un auténtico especialista en teatro educativo; e cremos que a súa faceta de dramaturgo foi a máis ricaz de todas.

Consideramos que a súa obra debe ser moito máis valorada porque don Olimpio formou parte dun grupo de dramaturgos que provocaron coa súa transcendental aportación teatral, a principios da década dos setenta, que o teatro galego apuntase albricias de rexurdimento.

Todas as obras teatrais de don Olimpio, todas, son pezas abertas, flexibles, non queren sentenciar senón que plantexan dúbidas e fan reflexionar (cavilar que diría Unamuno) ao espectador.

As súas obras son, en definitiva, anacos de experiencias nas aulas. Acreditamos, xa que logo, que D. Olimpio foi un especialista en teatro educativo que creou sempre a súa obra guiado polo firme propósito de que a riqueza do teatro formase parte da vida dos seus (dos nosos) pereiriños. Por iso é o seu un teatro lúdico e emocionante á vez que didáctico e cunha fonda raigame galeguizadora.

En fin, dicía Manuel Daniel Varela Buxán, "se ledes as miñas pezas, prégovos que o fagades moi de vagar, paseniñamente, para delas quitar o celme que se esconde detrás da brétema?"

E Nós, desde o CEIP do Foxo, seguiremos lendo e representando, paseniñamente, as obras de don Olimpio Arca Caldas, por dúas razóns fundamentais, polo moito que valen e polo moito que significan. O Mar no corazón. O Mundo por descubrir.