O rural galego terá futuro se consegue facerse atractivo e abrir oportunidades económicas para as novas xeracións. No documento elaborado para o Foro Económico de Galicia "Novas demandas para o rural galego", presentado esta semana en Santiago, realízanse una serie de propostas nesta dirección, e todas elas teñen un obxectivo común: proporcionar unha oferta de produtos e servizos diferenciados e de calidade, que pivoten en torno á marca Galicia nos mercados internacionais.

Non obstante, para que este obxectivo se materialice, calquera actividade económica debe apoiarse en medidas de conservación dos recursos naturais, patrimoniais e culturais e da conservación da biodiversidade e diversidade xenética, que son os elementos que nos poden proporcionar esa calidade e diferenciación.

Xa no PDR de Galicia 2014-2020 aparece, como unha fortaleza de cara ó desenvolvemento futuro do rural, a nosa riqueza patrimonial e paisaxística, e tamén o MAGRAMA indica que o 29% da superficie de Galicia ten un alto valor natural, citando os agroecosistemas tradicionais e bosques naturais de especies autóctonas. Incluso a Axencia Europea de Medio Ambiente destaca a Galicia como unha das comunidades con maior número de especies a protexer, neste caso no ámbito europeo. Esta é historicamente unha materia pendente para as nosas administracións. Se analizamos, por exemplo, as Zonas de Especial Conservación (ZEC) en Galicia, observamos que o noso 12% de superficie protexida dentro dos espazos Rede Natura 2000 europeos, está ben lonxe da media española do 24% e a anos luz doutras comunidades como Canarias, Cataluña e Andalucía (co 38 e 29%, respectivamente).

Claramente, existe unha relación directa entre o esforzo en conservación e o potencial de uso recreativo e turístico das nosas áreas rurais. Son estas paisaxes e hábitats propios e únicos os que poden proporcionar esa experiencia recreativa diferenciada e de calidade, que pode abrir oportunidades para un novo turismo que capte visitantes de maior poder adquisitivo, como xa foi capaz de facer a rexión do Alto Douro Portugués. Afortunadamente hai avances esperanzadores dende a Administración Autonómica, como a Estratexia da Paisaxe Galega, que poden dar soporte aos diferentes instrumentos de ordenación territorial e urbanística necesarios para camiñar nesta dirección.

Se queremos captar un turismo de elevado poder adquisitivo no rural, a conservación da nosas paisaxes e do medio natural, debería ir acompañada de investimentos públicos en accesos e información, así como en equipamentos e infraestruturas (corredores verdes, camiños, sendeiros, etc.) e en promover unha adecuada oferta de ocio complementaria da que o actual turismo rural carece. A actividade turística permite non só obter ingresos ós propietarios das instalacións, senón que ten un efecto de arrastre de outras actividades (comercio, artesanía, restauración, deportes de aventura, etc.).

Ademais da conservación da biodersidade natural, a conservación e recuperación de variedades autóctonas na agricultura, gandaría e sector forestal é unha pedra angular do futuro desenvolvemento rural. As variedades autóctonas son, en xeral, menos produtivas pero moito mellor adaptadas as condicións ambientais locais, e menos vulnerables a cambios ambientais ou a pragas e enfermidades. E ademais son as que nos permitirían, de novo, competir nos mercados internacionais con produtos diferenciadores e de calidade. As administracións públicas deberían definir programas para estudar, inventariar e conservar as nosas especies, dotando ós centros de investigación de fondos económicos e apoio institucional. A labor do Centro de Investigacións Forestais de Lourizán, do CIAM de Mabegondo, do EVEGA en Leiro, da Misión Biolóxica de Galicia de Pontevedra ou no CSIC de Vigo, entre outros é non só valiosa a nivel ambiental, senón que é imprescindible se queremos comercializar produtos baseados en estas variedades propias de castiñeiros, nogueiras, froiteiras, vides, produtos de horta e cereais, e incluso gando vacún, porco celta ou bovino.

Estamos falando en ambos casos, de turismo de calidade e de producións agrícolas, forestais e gandeiras, diferenciadas, con elevado valor engadido e de calidade. Estas características poden permitir que os nosos produtos non teñan que competir á baixa en prezos, senón que poden captar novos segmentos de demanda nos mercados mundiais e así permitir atraer poboación ó rural. Estariamos esquecendo o vello tópico do rural galego baseado en actividades de subsistencia e xurdiría un rural con oportunidades económicas similares ou superiores ás urbanas, nun marco e cunha calidade de vida claramente insuperables.