Dóiome da morte del, Fermín Bouza Álvarez, e acórdame a casa de Santiago na que foi neno. Tivo o privilexio, este que memoramos, de nacer e medrar nun lar no que se concentraban libros únicos, vedraios documentos, obxectos e armas que nos transportaban a diferentes pasados. A vida de Rosalía lumbrigaba nos ladraios en cartas e testemuñas que aínda hoxe non foron tidas en conta polos estudosos da autora.O despacho do pai de Bouza Álvarez, Fermín Bouza Brei era unha porta escusada da Taberna de Galiana que Cunqueiro nos deixou en herdo e que el non deu escrito.

No espazo das primeiras ilusións políticas, Fermín Bouza Álvarez estivo alí, no acontecemento que é 1968 en Compostela. Xaneiro de 1968, que é moito antes ca París. Formou parte dun grupo insigne: Pepiño Caamaño, Xaime Vilasó, Manuel Vilanova, entre outros. Eran o PCE (m-l). Representaban o mal chamado maoísmo na revolta contra a Historia, como dicía Novoneyra. Fixeron a clandestina e bela revista "Unión Galicia-Viet Nam" que, Sanxoás e os camaradas da UPG, conseguiron virar unitariamente ao monolingüismo galego.

Calquera análise e interpretación honrada do 1968 compostelano ou sexa galego, tén que ter moi en conta o elemento maoísta na composición das vangardas direnxentes daquel movemento que, con outros, fixo mudar o curso da Historia en Galicia. Agora advertimos o neno Fermín en Cortegada do Miño, so a autoridade dunha vellísima e potente matriarca, perseguindo soños coma cabaliños do demo entre os bacelos. Foi escritor en galego, e home de pensamento activo.

Estes días, os que, nos xornais, lembran a Fermín Bouza Álvarez non deixan de mencionar o seu compromiso político. A este humilde cronista correspóndelle o labor de facer memoria do intre no que Fermín foi preso pola BPS, interrogado e levado á cadea da Coruña, se me non trabuco, que estaba en lugar único no que Breogán erguera a Torre que nunca virá abaixo. O máis valioso que temos é aquilo que se salvou do naufraxio dos ideais adolescentes. Así dicía sempre Ramón Otero Pedrayo, quen morreu sen perder as esperanzas no Home e o desexo dunha República Campesiña en Galicia. Fermín brillou na cadeira, nas publicacións, no arquipiélago das revista científicas, nos foros de política e socioloxía, aínda que tamén na literatura de ficción e de iluminación orixinal. A nós comprácenos recordalo presente no fragor das campañas en favor do idioma patrio contra duro trato que lle dá a este o partido da dereita eterna.

Houbo nos escritos e nos acenos de Fermín Bouza Álvarez un elemento de lealdade, e unha dose de conciencia crítica e resolta que nos fixo amábel a súa figura intelectual. Séxalle leve a terra a Fermín Bouza Álvarez. A memoria porfía en sacar do Fondo dos Espellos o rostro de Fermín encadrado nunha orla académica na que figuran os rostros revoltados daqueles maoístas e dos compañeiros do PCE, de ADE, da UPG, todos a cantar "Venceremos Nós" segundos antes de os Grises cargaren contra a asemblea na facultade ocupada.