Din por aí que a ignorancia é moi atrevida, e non hai nada peor que, aínda por riba de ser atrevidos, ser tamén mentireiros. Escribo unhas liñas que nunca pensei que tería que escribir, xustificándome por unha dura decisión persoal, e todo por culpa do atrevemento de algúns. Despois de anos de formación e dun inmenso esforzo económico por parte de meus pais en particular e da sociedade cos seus impostos en xeral, decidín emigrar, como outrora decidiron facer meus avós, buscando unha oportunidade laboral que o meu país se resiste a ofrecerme (a pesares de que segundo o goberno estamos mellor que nunca).

O PP di que "o alcalde bota os concelleiros" e eu dígolle ó PP que os únicos que botan á xente do noso país, son eles cas súas políticas austericidas. Pídolles que non sexan tan atrevidos inventando desavenencias para xustificar a precariedade laboral que sofre o noso país, acentuada polas políticas do PP. Como veciña de Silleda sinto vergoña lendo as declaracións do Partido Popular, se cadra son unha ilusa, pero esperaba unha oposición seria e responsable que se preocupara polos veciños do meu pobo, e o que vexo son declaracións máis propias dunha oposición desesperada que no que levamos de lexislatura case non presentou mocións. Se o único que pode ofrecer o PP é verter mentiras sobre cuestións persoais de concelleiros, pediríalles que fixeran unha profunda autocrítica sobre a súa labor na oposición.

A coincidencia quixo que cando se me presentou a oportunidade eu ostentara o cargo de concelleira no meu pobo, labor que me encomendaron os meus veciños e que, por iso mesmo, desenvolvín con orgullo e responsabilidade. Durante 10 meses, dediquei o meu tempo libre fóra do meu horario laboral a traballar intensamente nas miñas áreas, cousa que se ve reflectida nos programas Medrando en galego e Luscofusco, nas dúas ordenanzas sacadas adiante e en numerosas actividades realizadas. Formei parte dun equipo de goberno onde me sentín respetada e apoiada en todas as miñas decisións, razón pola que, cando recibín esta oferta laboral, tiven unha sensación agridoce, xa que tería que renunciar.

Se de verdade queren que a xente se quede e non teña que irse deixen de botarnos, díganlle ós seus compañeiros do PP autonómico e nacional que deixen de facer recortes e reformas laborais que favorecen a precariedade. Pero xa que fan populismo barato mentindo sobre a miña marcha deixen que lles explique unha cousa: nas últimas oposicións vendidas polo goberno autonómico case como un regalo, sacaron 11 prazas de fisioterapeuta para toda Galicia, a pesar de levar sen anunciarse dende o ano 2009 e a pesar de ter unhas listas de espera escandalosas. Ante este panorama, e cun mercado laboral tremendamente precario non me quedou máis remedio que buscar traballo fóra de España. Tristemente, foi fóra do meu país onde atopei un recoñecemento profesional e económico na sanidade pública inexistente agora mesmo aquí.

Por iso, estar de vacacións na miña terra e ter que ler estas declaracións sobre a miña persoa fai que me sinta tremendamente ofendida. Así que pídolles, señores concelleiros do PP, un pouquiño máis de respeto polos miles de emigrantes da nosa terra e a ser posible, só se é posible, algo máis de sentido común antes de abrir a boca.

*Exconcelleira do grupo municipal socialista e actualmente fisioterapeuta no Groupe Hospitalier Pitie-Salpêtrière Charles-Foix (Francia)