Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Ramón Pena

DE BOLINA

Xosé Ramón Pena

'Begin the Beguine'

Transcurrida xa (case) unha semana desde tal acontecer, cal pensan Vdes. -sempre moi amables lectores- que podería resultar de veras o título musical máis axeitado para definirmos como lle cómpre a xornada do pasado 25-S nestas terras do Finis Terrae? Certamente, se este, seu, cronista militase entre o abano de tertulianos de postín/postineo, (autoproclamados) líderes de opinión, catedráticos terminais de terminais... non me caberían, desde logo, moitas dúbidas ao respecto: situados nos eidos do pop -ou, mellor, da "música lixeira", que lle dicían outrora-, creo ben que o inefable Julio Iglesias e mais "La vida sigue igual" virían acaparar todos os boletos. "Luar", programa trescentos mil trescentos e pico en acción; Julito morenísimo-morenísimo, tal e como cando viña directo, desde Miami Beach, xantar onde o mar da Arousa, narcoplaneadoras e incendios forestais ao fondo. Evidentemente, iso tamén, e dada a euforia total reinante, tampouco iría nada mal algo en plan remix, poñamos por caso Diana King e mais o seu "Forever and ever you´ll stay in my heart", de novo número un no hit parade de Ourense, Os Peares, San Caetano, Monte Pío e arrabaldes adxuntos. Oldies but goldies!

Agora ben; se o anterior non fose tal e/ou se fose suceder que tampouco andasen Vdes. de festa rachada, considero da miña parte que acaso deveña tan/máis oportuna estoutra rotulación: "Begin the Beguine", o célebre estándar composto por Cole Porter en 1934 (e, asemade, título do film dirixido por José Luis Garci en 1981 e que atinxiu, por vez primeira para unha produción española, o Óscar á mellor película de fala non inglesa) que reza: "When they begin the beguine,/it brings back the sound of music so tender,/it brings back a night of tropical splendour/, it brings back a memory evergreen."

"La vida sigue igual", pois, e "Begin the Beguine". Incompatibles? A ver; se en 2012 o Partido Popular obtivo 661.281 votos e agora vén de colleitar 673.775; se entre AGE e o BNG chegaron daquela aos 346.855 e se o pasado 25-S En Marea e mais Bloque acadaron 388.501, por onde é que andamos de paseo? Máis datos: se enfrontamos os 661.281 sufraxios populares coa suma daqueloutros nacionalistas/socialdemócratas -644.439- en 2012 e se poñemos dun lado os 673.775 actuais obtidos polo PP e, doutro, os 641.971 dun hipotético tripartito, como é que se deseña o taboleiro? En fin, e para non abraialos con tanta matemática: o 19 de xuño de 2005, Manuel Fraga Iribarne e mais os seus atinxiron un total de 756.562 votos; entre o PSOE liderado por Pérez Touriño -555.603- e o BNG de Anxo Quintana -311.954- viñeron sumar 867.557. Xa que logo, de qué cousa falamos cando falamos dela? Non lles parece, meus, que levamos algo así como vinte anos a habitar no bucle do bucle?

Nin que dicir ten, cada quen ten dereito a tocar/escoller a música que máis lle pete e/ou agrade/desagrade aos seus oídos e/ou a esoutros dos seus amigos, simpatizantes, militantes... compañeiros de mesa e viaxe. En consecuencia, é probable que ao longo de días e días os uns vaian e se decidan -de feito, xa están a facelo- pola banda sonora de "Xogo de tronos": isto é, cabeza coroada, cabeza cortada! Máis arrichados, outros preferirán atrincheirarse no "I will survive" de Gloria Gaynor e aínda non ha de faltar quen reincida no "We shall Overcome": "Desde o fondo da noite,/dime o corazón/que algún día venceremos"; en efecto, algún día... En fin, se habemos de acreditar no prognóstico de Miguel Anxo Fernán Vello, a cousa derivaría mellor polo "Van pensiero" de "Nabucco": o coro dos escravos a entoar: "Va pensiero, sull´ali dorate;/va, ti possa sui clivi, sui colli,/ove oleazzo tepide e molli/l´aura dolci del suolo natal!"

Dito/escrito está, desde logo, aquilo de que "vinte anos non son nada." Porén, tal semella que, para alén de sorpassos e sorpassiños, unha de dúas: ou ben a socialdemocracia "española" e mais o nacionalismo -veña chamarse este "Marea", "Tsunami", "Volcán activo"- unen as súas forzas ou, polo contrario, o Partido Popular renovará e renovará e renovará o seu mandato. "La vida sigue igual" ou "Begin the Beguine"? En calquera caso, Julio Iglesias vén cantar ambas as melodías, incombustible.

A aritmética tamén, ¡y lo sabes!

Compartir el artículo

stats