Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Luis Méndez Ferrín.

Alexandra e o bugallalista

Unha vez liquidado o Antigo Réxime, a nobreza e o clero cederon paso a camadas que se foron encargando de servir as comenencias da plutocracia autóctona e os intereses estranxeiros. Creouse unha mentalidade moi ligada ao Casino de Madrid e a determinados barrios, coma o de Salamanca, e rúas, digamos que a Ancha de San Bernardo.

O réxime da Restauración xerou camadas nas que se cruzaban os políticos do sistema caciquil cos enchufados, os membros dos grandes bufetes cos pollos con éxito nas grandes carreiras, incluída a militar. Ese tecido, no cal se urden fíos de diñeiro e de talento consagrado ás medras, cruzou o franquismo e adensouse no réxime actual da Reforma ou Transición.

Mariano Rajoy (Raxoi, segundo a toponimia oficial de Galicia) representa hoxe o tipo de galego que se logrou incrustar con forza no aparato do réxime. Rajoy fainos acordantes de Pío Cabanillas, astuto, e de Fraga Iribarne, prepotente. Eles todos descenden directamente dos Bugallal, de González Besada, non direi de Montero Ríos porque no Cuco de Lourizán houbo renuncia aos principios aínda que tamén un certo estilo intelectual. O perfecto bugallalista é hoxe Rajoy. Ningunha palabra en galego, referencia intelectual ningunha que non sexa ao Sentido Común. O discurso de Rajoy é liso, escorregadío, literalmente insignificante.

No debate de esoutro día ergueu a voz Alexandra Fernández, por Galicia. Tivo a ousadía de lle levantar a voz ao bugallalista. As xentes do modo bugallalista considéranse moi honradas de que a España das castes e dos privilexios os acollan, aínda sendo galegos de orixe. Son felices por seren aceptados en Madrid. Os bugallalistas non só odian Pablo Iglesias por (chámanlle así) "chavista" e "comunista". Detéstanno por profesor da universidade de Madrid. Por intruso, por intelectual de esquerda. Os bugallalistas, coma os seus superiores, detestan, sobre todas as cousas, como din que detestaba Calvo Sotelo, aos que queren "romper España". Digo que Alexandra Fernández lle lanzou a Rajoy unha azcuna. E, ao tempo, Alexandra explicoulle á España vermella que Rajoy non ama Galicia nin apreza a condición multinacional da Península Ibérica. En realidade, Mariano Rajoy está moi sorprendido de que unha moza brillante coma Alexandra Fernández, galega de Vigo, se atrevese a levantarlle a el a voz no palacio das cortes españolas. E isto é só o principio.

Compartir el artículo

stats