Que hai sardiña en augas da Península Ibérica. E que hai unión entre España e Portugal diante da Comisión Europea máis aló do recoñecemento por parte desta dos esforzos que ámbolos dous países levan feito e aínda están a facer (e o que lles queda) para recompoñer o deterioro evidente que lles afecta como consecuencia da crise que fai abanear as súas economías, máis que maltreitas.

Hai sardiña e España e Portugal poden afrontar un novo reparto de cotas con beneficio probable para Galicia e Andalucía porque non resulta inviable un novo acordo hispano-luso para incrementar as toneladas que as frotas españolas de ambas comunidades autónomas poidan pescar de aquí ao esgotamento da cantidade que, finalmente, se adxudique.

Que hai sardiña era sabido. Como tamén se sabía que había bocarte. Como tamén se sabía que había pescada a barrer. Como tamén se sabía que no Mediterráneo había atún para dar e tomar.

Consecuencia das restricións impostas por Bruxelas? Probablemente. Mais tamén como resposta dun sector que, aínda estando preto da ruína, soubo aguantar e defender aquel pouco que as administracións pesqueiras lle permitían pescar.

Segundo datos deste mes de xullo de Pescadegalicia, esta comunidade autónoma ten a honra de ser a rexión máis pesqueira de Europa, tanto polo número de barcos como pola súa capacidade para pescar e, consecuentemente, xerar emprego.

En Galicia operan 4.433 barcos, dos que a maior parte, 4.257, faenan en augas do caladoiro nacional Cantábrico Noroeste. Deste número de buques, 3.931 pertencen ao segmento de artes menores. Uns e outros, estou ben seguro, recibirán con ledicia a nova do aumento das súas posibilidades de pesca. Pero aínda así, tal incremento será mínimo se temos en conta o número de barcos que agardan coma unha bendición calquera xesto que permita albiscar un futuro inmediato de abundancia, por moi minguada que sexa esta.

Hai sardiña e chega viviña. Como vivas están as capacidades de recibila nas lonxas, coa conseguinte realidade de maiores beneficios para os habitantes das vilas e pobos que padecen o problema da carencia desta especie.

Agardemos que o que a Administración española agoira se traduza de inmediato en feitos e que estes aporten un chisco de optimismo a todos aqueles que non levan feito outra cousa que demandar solucións a un problema longamente demorado na resposta.