Foi aquel un tempo de esperanza, de traballo e de unidade.

Esperanza nunha sociedade nova, radicalmente diferente, na que non houbese os consabidos dous bandos : a minoría dos privilexiados, dos familiares e amiguiños dos que mandan, fronte a maioría, a xente do común, aqueles aos que se lles asignaba o papel de simples obedecedores calados, dos que só lles toca achantar.

Traballo intenso e esforzo continuado nunhas institucións economicamente afogadas e carentes de medios materiais e persoais para cumpriren as súas obrigas. Carencias que compensabamos co noso entusiasmo.

E unidade arredor das moitas cousas que nos irmandaban para avantarmos xuntos e sortearmos os obstáculos e o boicoteo dos inmobilistas. Foi nese contexto que as forzas progresistas de Cangas (a esquerda e os nacionalistas) decidimos unirnos nun goberno municipal no que puxemos de Alcalde -lóxicamente, por ser o candidato de esquerda máis votado-a Pepe Chimé,

Xunto cos demais compañeiros, os tres concelleiros de Unidade Galega (Elisardo Suárez Mariño, Antonio Rial Hermelo e eu) participamos a fondo na tarefa.

Pepe Chimé, malia a dificultade para compaxinar as obrigas de Alcalde co seu bufete de avogado en Madrid, fixo canto puido para conciliar o ritmo vertixinoso das necesidades e os sucesos (que graves tamén os houbo, como ben lembramos) co das posibilidades. Pepe, co seu carácter cordial e a súa bonhomía, co seu talante distendido e aberto, supuxo en moitas ocasións un bálsamo relaxador e evitou enfrontamentos. Sempre delegando totalmente as súas funcións, mesmo en áreas de competencia exclusiva, nos diversos responsabeis políticos da xestión municipal. O que non significou en absoluto escapismo ou abandono pois -e disto podo dar fe persoalmente- como Alcalde acompañounos e amparounos nas dificultades e nas explicacións públicas ante os veciños.

E seguiu, durante décadas a ser o noso amigo. Hoxe Pepe foise de onde nós, mais continúa na lembranza e no corazón de todos e de todas.

E aínda que con pena, dámoslle unha despedida alegre por termos compartido tantas cousas. Alegre, como a el lle gustaría.

*Exconcelleiro de Cangas