Vai para dous anos que o Foro E. Peinador e a Irmandade Galega de Agroalimentarios e Adegueiros solicitaran dos grupos políticos do Parlamento de Galicia o apoio para as marcas comerciais que etiquetan os seus produtos en lingua galega, celebrándose un acto concorrido en sede parlamentaria co gallo do Día da Galeguidade Empresarial. Un feito sen precedentes na historia de Galicia que agradecimos a súas señorías.

Desta volta recorrimos aos concellos galegos para buscarmos a súa decisiva participación na mudanza dos hábitos de consumo da cidadanía galega. Alcaldes e alcaldesas de todo o abano político están convocados no Hostal dos Reis Católicos o próximo sábado para asinaren a "Carta do Consumo Responsable e Solidario" coas marcas que etiquetan en idioma galego. Unha convocatoria excepcional para unha acción orixinal. As institucións municipais, que son as máis próximas, están chamadas a practicaren políticas audaces e útiles para facer país.

Os concellos galegos, nomeadamente os das grandes cidades e comarcas de influencia, teñen a obriga de ensaiaren prácticas políticas que afortalen a conciencia solidaria dos consumidores cos nosos produtos. De nada valen os laios e as convocatorias de mobilizacións contra as políticas causantes dos desequilibrios territoriais se ao tempo non se desenvolve unha estratexia informativa nesas grandes urbes para apelar á responsabilidade cidadá aplicando criterios de discriminación positiva nas opcións do consumo familiar, amosando preferenza por aqueles que son netamente galegos.

Porque o drama do noso país maniféstase na escasa conciencia solidaria do 75% da poboación concentrada nas áreas metropolitanas da franxa atlántica coa Galicia interior, coas explotacións agrarias e as súas industrias de transformación que teñen que competir coas ofertas de produtos foráneos dos grandes centros de comercialización en desigualdade de oportunidades. É evidente que a calidade de vida da poboación galega nas provincias do interior é inferior ás costeiras. Galicia está necesitada dunha política de gran alcance de cohesión social.

A vertebración de Galicia pasa pola solución dos desiquilibrios territoriais e unha conciencia cidadá comprometida coa defensa dos medios de produción propios, moderna, con alto grao de mecanización para facela competitiva. O grave desta situación é que o sector primario mirra en proporción á indiferenza insolidaria desas grandes masas de consumidores que non son conscientes da súa responsabilidade na desfeita da nosa economía agraria, porque lles viran as costas aos produtos daqueles que aínda seguen cultivando as viñas, mantendo explotacións agrarias deficitarias por mor da tiranía dos mercados e falta de estruturas de comercialización eficaces.

O Foro E. Peinador agradece á Federación Galega de Municipios e Provincias e aos alcaldes da maior parte das cidades, das que Santiago de Compostela é nesta ocasión anfitrioa, a oportunidade de iniciarmos o proceso regaleguizador do consumo co compromiso de chegarmos á cidadanía con campañas publicitarias pedagóxicas en dúas épocas do ano de maior consumo: verán e nadal.

Estamos seguros de que a mudanza dos hábitos de consumo han chegar, e con eles esa imprescindible fidelidade dos consumidores aos nosos produtos etiquetados en lingua propia; consumidores que teñen un enorme poder para demandarllelos ás cadeas de distribución alimentaria.

*Presidente do Foro E. Peinador