Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Luis Méndez Ferrín.

Aplauso a Aznar

Hai ben anos, nos días da primeira guerra do Golfo, a maquinaria propagandística do Imperio lanzou unha ofensiva contra o goberno de Iraq. O subsolo e as reservas de petróleo e gas desta república eran propiedade do pobo e administradas por un estado panárabe de tendencia socialista. O Imperio converteu a figura do seu presidente Saddam Hussein nunha especie de monstruo sanguinario ao que lle chamou "sátrapa", ignorando o significado desta palabra no imperio persa. Máis tarde, os EE UU, collidos das maos con España e Gran Bretaña, decidiron que o monstruo tiña gardadas "armas de destrucción masiva", aínda que a natureza destas nunca fora revelada con precisión. Mandaron unha terríbel ofensiva contra Iraq e apoderáronse do seu petróleo e do país enteiro. Un dos segredos mellor gardados do Imperio é a cales compañías privadas lle concedeu a propiedade dos pozos de petróleo. Cal foi a parte de Aznar no botín? Enforcaron polo pescozo, de xeito deshumano, a Saddam Hussein. Meteron na cadea, até que morreu, o poeta e estadista de orixe cristiá Tarik Aziz.

Despois da invasión, as autoridades que dominan hoxe o protectora- do de Iraq non permitiron nin a democracia nin a libertade. O partido Baas, que sempre foi laico, é reemprazado pola barbarie e as víctimas cristiás son incontabeis coma as areas do deserto. Despois foron por Libia, onde procederon de xeito semellante e se cadra aínda máis cruel. As forzas occidentais (ampliadas) prenderon o coronel Gadafi e torturárono ata a morte, de xeito parecido a como fixeran con Xesucristo. Tampouco se sabe a quen pertencen hoxe os pozos de petróleo que eran propiedade do pobo libio.

Vexo que o mundo parece consternado porque os británicos fixeron público un informe, organizado por certo funcionario de nome John Chilot, que non deixa dúbidas, segundo se di, de que a invasión de Iraq, co asasinato do presidente e os moitos mortos e expropiacións que houbo, e hai, non tiña outro motivo ca o roubo do petróleo sen paliativos. Alí en Iraq non había especie ningunha "de armas de destrucción masiva". En todo caso, nestas mesmas páxinas, e coa nosa humilde sinatura, fartámonos de escribir o que hoxe parece sorprender a non poucos.

O aplauso belicista a Aznar no Congreso español foi lembrado nantronte por Julio Llamazares, dos bos escritores do Noroeste. O PP non pide perdón nunca e sabe aplaudirlle ao seu líder sempre.

Compartir el artículo

stats