Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Luis Méndez Ferrín.

Os camiños da vida

Xosé Luis Méndez Ferrín

Palmeira e os ursos

Má práctica periodística a que nega interesadamente información do que en verdade aconteceu! Hai poucas semanas veciños de Boborás avistaron un urso, ou oso, nas bocarribeiras oterianas próximas á vila do Carballiño. Os máis dos media galegos silenciaron, por medo a se equivocar, o acontecemento. Ocorre o mesmo que cando en Berlín, hai uns aniños, cundiu a noticia de que nas chairas orientais da Alemaña estaba volvendo a ser visto o lobo, expulsado daqueles lugares polo fidalgo Jünker (nada que ver co figurón de Luxemburgo) de finais do século XVIII.

Tal e como se comentou nesta columna, o medo ao lobo dos aldeáns do Oriente alemán renaceu do máis profundo da memoria comunal e o conto de Carapuchiña Vermella volveu ter vixencia educativa.

Os labregos contemporáneos do Leste alemán dixeron, adecuando os seus terrores aos dos derradeiros aldeáns galegos: "Os lobos que deben ser eliminados, son agora protexidos polos ecoloxistas , que os traen en camións aos nosos bosques. Os lobos poden matar os nenos e matan realmente moitas ovellas." Os labregos, do leste alemán, se fosen labregos do Leste de Galicia, dirían aínda que os lobos, e os ursos, foron traídos por Icona ou por Seprona ou pola Xunta en camións, e ceibados no monte para mal. Na Galicia pos-agraria, na que todo o mundo celebra a resurrección da selva primitiva e cunde o culto á árbore, autóctona ou non, o labrego envellecido (a avoa de Carapuchiña Vermella) ten medo dos animais salvaxes.

O xabariño campa, realmente, polos seus dereitos forais. O corzo, que este cronista coñeceu, coitado, na confinación das altas serras e próximo ao exterminio, reaparece mesmo nas contornas de Vigo. O raposo está urbanizado, e se o lobo non come no depósito de lixo de Celanova é porque xa non o hai (o depósito de lixo). Estamos á espera do lince perdido, ou do "lobo cerval", a quen tamén lle chamaran mesmo "tigre". Calquera día será detectado.

Certa prensa non conta cousas destas, e fíase de rumores sen os investigar. O urso de Boborás nunca tivo lugar. A presentación da candidatura En Maré no porto de Palmeira tampouco existiu nunca para os máis dos media galegos. Velaí o regreso da prensa de consigna, como dicía o outro n'A Trabe de Ouro. E, nembargantes, pasaron ursos bravos polo medio das dornas na area de Palmeira segunda feira pasada.

Compartir el artículo

stats