Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xefe do Servizo de Ordenación, Innovación e Orientación Educativa

Convivencia escolar: paradigma de colaboración

Vai cara aos dous anos que teño a honra de representar á Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria na Comisión Autonómica do Plan director para a convivencia e mellora da seguridade nos centros educativos e nos seus contornos, que se desenvolve no marco da Instrución 7/2013 da Secretaría de Estado de Seguridade.

A citada Instrución, do 12 de xullo, establece os obxectivos a coordinación e as actuacións das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado no desenvolvemento do Plan director.

Das actuacións das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado realízase un seguimento trimestral e outro anual por parte da Comisión Autonómica (conformada por representantes provinciais do Corpo Nacional de Policía e da Garda Civil, do Servizo de Inspección Educativa e da Unidade de coordinación sobre a violencia contra a muller; por dous representantes da Alta Inspección de Educación e por un representante da Consellería de Cultura e Educación), que actúa baixo as directrices do Delegado do Goberno e a coordinación da Alta Inspección de Educación.

Da análise dos datos estatísticos sobre o desenvolvemento do Plan director estimo que cómpre destacar:

1. O compromiso das comunidades educativas cos obxectivos do Plan. Ilustra esta percepción o número de centros que solicitaron a intervención das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado, que superou amplamente o 90% nos anos 2013 e 2014 e roldou o 90% no ano 2015.

2. A dispoñibilidade das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado para atender a totalidade das solicitudes, o que comportou 2160 intervencións no curso 2013-2014 e 2519 no curso 2014-2015.

3. O número de persoas (alumnado, profesorado e familias) que se beneficiaron das intervencións das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado, que acadou a cifra de 89785 no curso 2013-2014 e 105331 no curso 2014-2015.

Parece evidente, pois, que estamos diante dun sistema educativo vivo e do século XXI; un sistema que entende ben o vello proverbio africano de que "para educar a un neno ou a unha nena é necesaria toda a tribo".

Na sociedade tecnolóxica e do inmediato que estamos a vivir, o profesorado realiza un esforzo permanente para estar á altura, tanto nas metodoloxías de ensino coma nos recursos para a aprendizaxe; aspectos necesarios para realizar unha intervención educativa de calidade, en contornos inclusivos e adaptada á realidade de cada quen. E isto, que parece máis centrado no aspecto instrutivo da escola, non se produce illado da parte formativa da educación.

A escola actual, o seu profesorado, asume o rol da formación integral do seu alumnado, sabedora da necesidade de formar persoas solidarias, tolerantes, e con criterio; persoas que saiban resolver as diferenzas e os conflitos de xeito pacífico, dentro dos principios da convivencia democrática. De aí a súa preocupación por contribuír á formación dos alumnos e das alumnas en realidades como as tecnoloxías da información e da comunicación, o acoso, a violencia de xénero, as drogas e o alcol e as actividades complementarias.

De todas formas, entendo que do número de solicitudes realizadas polos centros educativos e do número de intervencións realizadas polas Forzas e Corpos de Seguridade do Estado non pode concluírse que teñamos un alumnado problemático. Tal vez, que estamos diante dunha mocidade que vive no seu tempo, que participa da sociedade que lle tocou vivir e que agarda información sobre o "terreo que pisa".

Non considero imprudente afirmar que todo o traballo que se leva realizado desde o ano 2007 no marco do Plan director xa forma parte dun servizo universalizado. Por iso, unha leve oscilación estatística entre un ano e outro respecto do número de solicitudes, de intervencións, de persoas beneficiarias e das temáticas que se abordan non debería interpretarse, considero, como posibles disfuncións do Plan director. Son, ao meu modesto entender, as consecuencias naturais dos servizos que se xeneralizan.

Por todo iso, e por ter dedicado á docencia gran parte da miña vida profesional, síntome moi orgulloso da mocidade que temos, do profesorado que entende o rol educador do século XXI, das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado e das asociacións que contribúen ao desenvolvemento persoal e social das persoas que o necesitan.

É probable que resulte complexo analizar as causas da problemática social deste momento, pero estou seguro que unha parte importante da súa solución pasa pola formación e pola información que se traslada desde o Plan director. Por iso, porque percibo que o paradigma da colaboración chegou ao sistema educativo para quedarse, a miña gratitude a todas e a todos.

Compartir el artículo

stats