Señor Telmo, nótase que ten unha vida acomodada dende fai moito tempo. Pero hai que recordarlle que a situación de precariedade económica do Concello ven da súa época e do goberno no PP en Sanxenxo dende 1999 ata 2015, cando foron derrocados polo cuatripartito, do cal formo parte. Recordemos a débeda, o plan de axuste, o desastre urbanístico deste concello e tantas superficies urbanizables inacabadas, o polígono industrial cheo de toxo, o colexio do Revel sen facer, o convenio co Arzobispado de Santiago polo famoso PEI 17, e a polémica de sobrecostes das vivendas de promoción pública en Navia por Construcuatro, etc. O deputado máis rico de España no seu día. Dende que vostede entrou na política habería que ver canto aumentou o seu patrimonio. E tamén recordar uns cantos imputados ou investigados, como lle chaman agora, que afectan ao PP de Sanxenxo.

Señor Telmo, debería saber que a política deste país cambiou, senón vexa o que pasou en Sanxenxo, na Deputación, no Goberno central e posiblemente na Xunta este ano. A vella política está a morrer e o PP en caída libre. Señor Telmo, o seu partido está cheo de corruptos e iso están a pagalo nas urnas. O que fixeron en Sanxenxo e no resto de España é vergonzoso e penoso, pero o máis triste é que vostedes nin o admiten e incluso premian coas famosas portas xiratorias e aforamentos aos que desfalcaron medio país. Ninguén vai á cárcere pero a xente sufre desahucios, pasa fame, etc. E so saiu un 5-10%, non quero saber que pasará cando todo saia a flote.

Digo eu, si se foi no seu día, a que voltou a Sanxenxo si nin de aquí é? Escapou para Pontevedra e de aí para Madrid. Que pouco lle importou deixar a Sanxenxo con todos os petates e cargarllos á señora Catalina, a súa herdeira, coa cal din as malas lenguas que non se pode nin ver. E agora volta, a darnos leccións a nós? Sabe? Son máis novo, con menos experiencia na política, pero caracterízome por ser honesto e directo no que digo. Vese que a vostede gústalle facer promesas a todo o mundo, e xa ve como está o concello gracias a ditas promesas.

Si, teño un contrato Ramón y Cajal de investigación. Aínda non o empecei. Sabe vostede o que é?. Para conseguilo tiven que facer un curriculum moi longo en investigación dende o 2001 ata o 2015 estudando e traballando en EEUU, Alemania e aquí. Doce anos na emigración gracias á falta de oportunidades para os científicos debido aos recortes. Non me caeu do ceo como vostede debe de pensar, señor Telmo. O salario é digno, pero algún dos concelleiros do tempo do PP cobraban máis ou menos o mesmo, e xa ve que gran traballo fixeron e sen moverse da casa. Nós baixámonos o soldo, e eu teño dedicación parcial (20 horas a semana). Podolle decir que fago polo menos o doble moitas veces e non me queixo porque o fago con gusto. Sabe vostede o que facía algún dos do PP? Porque eu seino, e debería caerle a cara da vergonza. E tamén decirlle que moitos dos seus concelleiros cando gobernaba o PP tiñan os seus traballos e empresas, que compatibilizan con dedicacións remuneradas no Concello e con soldos bastante máis altos cos nosos, ou non sabe a quen levou na lista? Vostede renunciou o soldo no seu primeiro mandato, porque podía facelo. Pero no segundo tivo un salario de 50.000 euros. Ingresaba por outra lado, señor Telmo: construcción, riqueza. Non todo o mundo ten a súa sorte.

O Plan de Axustes deste Concello gracias á xestión do PP durará ata o 2022. O noso goberno debe, e é a nosa responsabilidade, pensar moi ben en que invertir e canto invertir antes de facer nada. Atopamos de todo dende que chegamos ó goberno, e cada día nos sorprendemos de novas "patatas quentes" herdadas do goberno do PP, e pódolle asegurar que é penoso o que estamos a encontrar aquí dentro. Xa llas iremos recordando según vaian saíndo. Acórdase que haberá auditorías e en urbanismo seguro, non lle quepa dúbida, señor Telmo.

Por suposto que non estou disposto a tirar os cartos (que son de todos) e non caen do ceo como a vostede lle debía de pasar cando era alcalde. E así arruinaron o Concello. Agora nós temos que pagalas consecuencias, así como os empregados do Concello, que fan horas extras pero non as cobran, se lles compensan por horas libres. Non se pode contratar personal. Todo isto é herencia súa, señor Telmo. Estaranlle agradecidos todos os traballadores do Concello de Sanxenxo e os veciños pola herdanza. E non digamos toda a xuventude que se foi vivir fora de Sanxenxo porque vostede facía edificios, pero non para os de Sanxenxo, verdade señor Telmo? Senón para os que os podían pagar a prezo de ouro.

Di que son un friki, sabe o que significa? Foi vostede o que decidiu no seu tempo (que xa acabou) que se pagaran as Festas da Raia e as Festas de Sanxenxo. Antes as facían os veciños. Pregunto: por que non decidiu pagar tamén as do resto das parroquias? Por que as comisións de festas e asociacións teñen que traballar moi duro tódolos anos para facelas?. En Sanxenxo hai porto deportivo, Silgar, hoteis, comercios, restaurantes, etc. En Dorrón, en Nantes,? hai moita finca pero pouco negocio, e aínda así os veciños colaboran para que haxa festas. Dígame, por que en Sanxenxo non poderían facelo? Ou acaso hai diferencias, señor Telmo?

Non sabe vostede que a señora Paz Lago quería facelo mesmo e parala Festa da Raia pero Catalina non lle deixou? Dígalle a Paz Lago que lle conte a verdade. A Festa da Raia leva moitos anos en declive. A suspensión é provisional.

*Concelleiro de Cultura