Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

tRIBUNA LIBRE

Os ecoloxistas e o lobo (e II)

Unhas breves pinceladas sobre como debe ser abordado o problema pasa por esa vontade política que permita dotar das partidas orzamentarias necesarias para tratalo coa seriedade que merece. Xa que logo os pouco máis de 300.000 euros destinados neste 2016 (recordando que os anos anteriores non foron moito máis de 110.000) non conducen a nada. Con esa dotación económica non dá nin para comezar. Así é lóxico que se acumulen os retrasos dos pagos indemnizatorios a máis de dous anos. Cuestión que aínda retroalimenta a sensación de impotencia e indigna, aínda máis se cabe, aos prexudicados gandeiros. Pero tamén aos que vemos de continuo ver morrer lobos fulminados en cepos, velenos, batidas ilegais, e nunha persecución silenciosa e encarnizada que leva a matar grupos completos.

Un presuposto público para o lobo e á altura do conflito debería repartirse en base a tres enfoques dependentes entre si. Un primeiro,centrado na investigación cara a conservación e continuo coñecemento da tendencia da poboación, abordado con rigor que é de esperar en ciencia. Nestes momentos acomodouse no debate a idea preestablecida de que a poboación medrou, e que hai moitos lobos. Non por que se diga mil veces, dende diferentes foros, menos do que ten que partir tal afirmación (centros de investigación científica), vai ser máis certo. Algo que debe desmentirse de modo taxativo. O coñecemento existente non permite confirmar esa afirmación.

Un segundo enfoque, e o que máis recursos precisaría, debe abordar o desenvolver un plan ambicioso de medidas preventivas e formación de técnicas de manexo para o gando, pero que se execute, e non quede sobre o papel. Englobaría este apartado,tamén unha necesaria mellora na comunicación e imaxe que se transmite. E para isto, é necesario contar cunha decidida previsión orzamentaria. Agora niso estanse a inverter cero euros. E un terceiro bloque, na dotación dunha reserva de axudas de compensación e indemnización, no caso de danos.Cabe incidir que a nivel de xestión, xa son varias as experiencias noutros lugares, que veñen a demostrar que deixar unicamente sobre o criterio das indemnizacións a actuación ante danos por ataque, non repercute finalmente na solución do problema. Funcionan mal, polo retraso, insuficiencia na valoración das reses, e sobre todo porque non inculcan a necesidade de afrontar medidas para a redución dos ataques que é do que principalmente se trataría.Contra disto,as experiencias que adoitan un carácter preventivo son as que están a reportar mellores resultados para as explotacións que vén reducir as baixas por ataques.

En definitiva, de mellorarse o coñecemento sobre a tendencia e dinámica poboacional do lobo en cada territorio, xunto cun plan de accións preventivas, apoiado por pagos xenerosos e áxiles por danos cando existan, o problema deixaría de selo.

Por último, dicir, que a ecoloxía da especie, non é a mesma ca de outros, coma poden ser a dos voitres leonados para os que se recuperaron muladares onde se lles bota de comer. O lobo coma especie que funciona baixo unha marcada pauta de sociabilidade, entre os individuos que conforman a manda, no que a disposición de alimento marcará en boa medida pautas comportamentais e de tamaño de grupo, implantase nun territorio en función de dita dispoñibilidade enerxética.E esta consideración ecolóxica debe terse moi en conta cando se fala de alimentar artificialmente as mandas, coma por exemplo, botándolle cadáveres de granxa. Pois isto,incluso podería favorecer situacións que finalmente proporcionaran o efecto contrario ao ao pretendido. Non se trata de falar de lobos esfameados aos que hai que darlles de comer. Trátase de actuar con criterios de xestión baseados no coñecemento e experiencia contrastada (ciencia) e non en base a pensamentos baseados en apriorismos ou falsas ideas preconcebidas.

Máis tantos anos van deste eterno conflito que, polo de momento, seguirán morrendo lobos cruelmente, continuarán os ataques, e os responsables da administración continuarán de rosiñas sen asumir ningunha responsabilidade.

* Biólogo de Lalín

Compartir el artículo

stats