Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Luis Méndez Ferrín.

Os camiños da vida

Xosé Luis Méndez Ferrín

O povo é quem mais ordena

Hai máis de cincuenta anos pasaba clandestinamente a raia o primeiro disco de José Afonso, que decontado se puxo a xirar en lugares reservados da Galicia resistente. Os representantes do pobo galego En Maré prometeron nas cortes de Madrid, despois de citaren un verso de José Afonso: "O povo é que mais ordena". A difusión pola radio destas palabras desatou o movemento das Forzas Armadas de 1974, tan importante coma o que restaurara a independencia portuguesa en 1640. Despois do 25 de abril intentouse unha república democrática sen hexemonía das camadas ociosas e explotadoras.

A primeira vez que se ouviu o portugués no hemiciclo das cortes de Madrid foi cando, nas constituintes de 1931, Otero Pedrayo perdeu a paciencia e ameazou coa separación de Galicia en alianza coa República Portuguesa. A Castelao pareceulle que a estatua de Isabel a Católica se estremecía coa lembranza de Dona Joana, a Excelente Señora. "Se justiça non me val/ ante rei tan justiceiro,/ irei-me ao de Portugal" - proferira o vello trobador. Tampouco lle non gustou moito ao actual bunker a invocación de "Grândola" que saiu das bocas dos deputados e deputadas organizados En Maré. O caso é que o actual goberno portugués está formado por uns socialistas en rebeldía contra as normas do Imperio. En efecto, o PS (no que xa non manda Mário Soares, sempre tan próximo aos desexos da CIA) pactou un programa de igualdade e xustiza mínima co PCP que nunca cedeu á falacia eurocomunista e mais cun Bloco que, tras diversas aventuras, parece decantarse hogano da realidade sen renunciar ás belas e altas aspiracións utópicas. En Maré, ao dicir "O povo é quem mais ordena", recoñecía a revolución portuguesa de abril como parte da historia da resistencia galega ao franquismo.

Con grupo parlamentario ou sen el, En Maré está chamada a obter maioría bastante nas próximas eleccións ao Parlamento galego para formar goberno. Cando esto aconteza, seguramente En Maré establecerá unha nova alianza ou pacto histórico con Portugal. Unha crenza moi extendida asegura que as mudanzas políticas sobreveñen antes en Portugal ca en España.

Antes de ningún reino peninsular, Portugal culminou a súa Reconquista. Primeiro que España, Portugal creou un Estado Nacional, perfeccionou o Despotismo Ilustrado, proclamou a República, instaurou e liquidou o fascismo. Portugal desconectouse da monarquía española en 1640, o que aínda non conseguiu facer Cataluña, que xa o intentara daquela. Neste intre, Portugal ofrece un exemplo político de reacción contra a barbarie neoliberal.

Compartir el artículo

stats