Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

dendeo meu sofá

En débeda

Nacemos con débedas, vivimos con elas e morreremos máis endebedados aínda. Cheos de débedas das que non somos conscientes; quizais por iso penso que a palabra que máis deberiamos repetir é a de "grazas".

Eu estou en débeda co "meu" propio mundo e con moito outro que non é tanto "meu"; en débeda cos que viviron antes e cos que están agora. E teño tanto que agradecer que non me chegarían tódolos días que me resten de vida para facelo.

Moitas son persoas ás que non coñezo nin coñecerei xamais. Esa xente que cada mañá se ergue coa profunda certeza de que o mundo pode ser, debe ser, cada día mellor. Eses que dan a vida, que soñan con esperanza e cren con firmeza naquilo polo que loitan.

Non podo nin quero someterme ao modelo de sociedade que pretende impoñerse hoxe en día onde cada un de nós somos o centro, o alto, o ancho e o salvador da historia. Son e somos algo grazas, en gran medida, aos outros. E estamos en débeda!

Canto debemos aos que fan que este mundo sexa máis habitable e axudan a que poidamos seguir crendo na vitoria da verdade e da bondade! Eses que viven coa alma repleta de amor; si, os que aman, os que sobre todo e ante todo aman: aman o que son, aman o que fan e aman o que teñen. Porque viven, claro. E que ben viven! Pola contra, aqueles que non aman (ou que non sabemos amar de verdade) non fan outra cousa máis que morrer, suicídanse aos poucos e, por se non fose suficiente, son velenosos para os demais; son seres coas almas disecadas, baleiros, absurdos e con mans non para construír senón para defenderse.

Aínda que ás veces resulte difícil velo, en toda a face deste planeta que habitamos hai millóns e millóns de almas que, case sempre no silencio, aman e amando sostéñennos a todos. Estou seguro de que sen elas este mundo duraría menos que unha estufa de madeira.

Avoas, nais, fillos, pais, homes e mulleres de ben? cantos!

E teño a intuición de que unha boa parte delas pensa morrer "sen ter servido para nada", pero seguro que moi orgullosas de ter vivido. Porque á fin e ao cabo, como dixo o poeta, "que importa morrer, cando se ten sido, e tanto!" Grazas!

Compartir el artículo

stats