Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Luis Méndez Ferrín.

Os camiños da vida

Xosé Luis Méndez Ferrín

X. Fernández Ferreiro

Il ( como diciamos en dialecto) viña das xentes de Espartedo, de Nogueira de Ramuín, que igual que as da Barra e de Melias, desde a noite dos tempos andaron o mundo en diversos negocios e ambulancias. O máis famoso dos oficios, que xerou mesmo a súa xerga, é o dos afiadores. Eu ceñecínnos de roda e de caixón ao lombo coas latas e a bigornia dentro. Algúns, coma Cesario e Arturo González, fixéronse ricos e franbrillaron na sociedade así de Vigo como de Madrid.

X. Fernández Ferreiro, graduado na Escola Oficial de Periodismo, traballou na distribuidora de Arturo González, no departamento de publicidade. Tanto coma as memorias infantís da aldea nativa, contribuiu o cine á conformación final do escritor X. Fernández Ferreiro. Novelista disciplinado, el foi inicialmente poeta. Unha zona da súa narrativa, a que preside a figura enigmática de Ulcis, é a máis surrealista. Esta tendencia triunfa na novela Minotauro, unha das mellores obras de literatura irracionalista que eu teña lido en calquera lingua das que me resultan accesibeis.

As súas excursións narrativas ao universo dos afiadores ambulantes, ao conflicto de Castrelo de Miño ou á barbarie dos asasinatos de agosto do 36 nunha aldea que inequívocamente é a súa, sempre terán lectores en Galicia. Toda a súa paixón polo cinema de aventura contemporánea loce no relato vigoroso e hipnotizante de "Corrupción e morte de Brigitte Bardot".

A producción novelística de Fernández Ferreiro é un crebacabezas para o crítico preguiceiro. Quen lle prepare unha análise aos seus textos nos que se evoque a aldea, difícilmente asumiría a dificultade de aduacuar o cliché a outro texto absolutamente urbano. Para Fernández Ferreiro, Espartedo, a aldea mínima, é a patria perdida. Pero el era un individuo urbano que gozaba cos seus automobeis lástrego, xeralmente vermellos, cruzando da Coruña a Lisboa ou a París e gozando da anonimato nas grandes urbes de Europa.

Bo camarada e amigo de Brais Pinto no universo das sociedades literarias refusou a conspiración e doou arredor seu moito máis do que recibiu. Antifascista e patriota galego até os miolos, o seu individualismo non impediu que fose solidario pero si que lle desaconsellou a militancia partidaria. Preferiu ser un partisano de corazón sen tacha, e sen máis disciplina que a propia conciencia.

Compartir el artículo

stats