Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Luis Méndez Ferrín.

A cidade sen libros

Lembren o apólogo de don Juan Manuel. Os estafadores prometéronlle ao rei un vestido maravilloso que só podería ser visto por aqueles que verdadeiramente fosen fillos do pai que crían ser seus. Os burladores fuxiron coas inmensas riquezas e o parvo do rei vestiu as galas da necidade e saiu espido á rúa. Todos finxían ver o traxe maravilloso cando a verdade era que o rei esta a pasear en porreta. Daquela, un preto ou escravo a quen lle importaba un pemento quen fose ou deixase de ser o seu pai berrou: "O rei está espido". Así, todos os súbditos, e mailo mesmo rei, decatáronse da tarsada.

Acordeime do conto de don Juan Manuel cando o alcalde Xulio Ferreiro foi a Madrid e dixo alí que o Porto Exterior da Punta Langosteira non recibía barcos e que se trata dunha operación especulativa relacionada coa privatización dos terreos que convertiron unha parte da doca histórica da Coruña no solar dunha área comercial ou cousa así. Xa hai tempo, José Manuel Ponte tiña tratado disto en varios medios nos que se inclúe este mesmo. Pero que a denuncia saia da boca do que ocupa o despacho magno do Pazo de María Pita multiplica os efectos da verdade. Si, Punta Langosteira tén moito en común co famoso aeroporto de Castellón de la Plana.

Se pasamos da Coruña a Vigo, veremos que aquí se preparan importantes obras públicas que, se alguén non o remedia, irán beneficiar os intereses privados. Neste caso, trátase da reconstrucción do campo de fútbol de Balaídos, que non é propiedade do Celta. A inversión económica farana o Concello, a Diputación Provincial e a Zona Franca. Diñeiro público, pois, para beneficio de particulares. Tería que aparecer alguén que dixese que o rei está espido e que a sociedade anónima deportiva que usa o campo de Balaídos en réxime de gratuidade sexa a que se pague as remodelacións do estadio que o concello considere necesarias.

A todo isto, a cidade da Coruña é a mellor dotada de bibliotecas en Galicia, mentres a de Vigo é a que menos libros lle ofrece aos seus cidadáns lectores. Por suposto, en todas as bibliotecas abertas no territorio español soen conservarse para consulta e instrucción da mocedade curiosa edicións do "Libro de los exemplos del Conde Lucanor et de Patronio" de don Juan Manuel (1335). Non penso que haxa demasiados exemplares do "Conde Lucanor" a disposición do público de Vigo; sen embargo coñezo unha edición da obra confeccionada críticamente e impresa por Eugenio Kraft precisamente.

Compartir el artículo

stats