En 1978 un grupo de xente entre as que Pepe Chao tiña un lugar destacado levou a cabo a primeira Romaxe de Crentes Galegos, -van xa pola XXXVIII edición- aló no Pedregal de Irimia, nas fontes do Pai Miño, un lugar simbólicamente elixido para reivindicar unha nova Igrexa, comprometida co pobo e fundamentalmente galega. Nunha época de esperanzadores cambios sociais, proclamouse alí un lema que sería acollido como un eslogan de toda unha xeración: o Eu renazo galego, a loita constante na vida de Chao Rego.

Xosé Chao Rego naceu Vilalba en 1932. De familia republicana, ingresou no Seminario de Mondoñedo co fin de facer o Bacharelato, e non quixo abandonalo. Estudou Filosofía en Salamanca e Teoloxía en Roma, onde se consagrou sacerdote en 1956. De volta a Galicia tres anos máis tarde será párroco en Santa María do Vilar, en Ferrol, ata 1976. Neses dezasete anos a súa parroquia convertirase nun lugar de renovación eclesial e de reivindicación social. Será a finais desta década cando volte á vida secular, e como profesor de instituto, traballará en Vilalba e posteriormente en Compostela. Autor prolífico, é o escritor con máis páxinas escritas na nosa lingua, escribiu obras teolóxicas e antropolóxicas onde ofrece unha visión renovada da teoloxía -véxase por exemplo a súa Historia do pobo de Xesús, a Bíblia Popular Galega, O relato hebraico: A Bilia contada dende a lareira?, ou calquera dos seus moitos artigos en revistas como Irimia e Encrucillada- e amosa un claro e irrenunciable compromiso social ademáis dunha constante reivindicación por Galicia. Abonda unha ollada aos seus títulos máis significativos para decatarse do feito: Eu renazo galego, Para comprendermos Galicia, A meiga e os frades, Camiño verde: ecoloxismo e creación, A condición homosexual, A muller, que cale! Raíces do antifeminismo, e un longo etcétera. Home de carisma excepcional, cariñoso, cercano e acolledor, espertou simpatías a nivel persoal co seu aquel de boa xente; non tantas a nivel das elites políticas e relixiosas, pola súa teimuda loita a prol do pobo, pola súa misión de pór a teoloxía ao servizo da xente, e non a ésta ao servizo da igrexa; unha relixión liberadora que axude aos fieis a comprender e pensar, superando o infantilismo e a cega fe.

Lembro unha tarde que pasei na súa casa nos meus tempos de estudante de Filosofía na Universidade de Santiago. Falabamos de termos metafísicos, o infinito, ou o absoluto, a partir do libro O Santo, de R. Otto que eu tivera que ler. Pepe Chao, nunha crítica moi elaborada da obra, transmitiume a idea totalmente oposta: a dun absoluto moi terreal e concreto, un sentimento que debería servir para coller forzas na loita, co fin de ter consecuencias prácticas na vida da xente, un sentimento que ten validez só se axuda a liberar o pobo, a desalienarse, a reivindicar con orgullo o seu ser, no noso caso, o noso sermos galegos. A cultura galega estará sempre en débeda con Chao, por axudarmonos a renacermos como galegos.

*Licenciada en Filosofia

e en Antropoloxía Social