Vigo e a súa área é o motor industrial de Galiza. A industria da conserva, a automoción, o naval, o téxtil ou a biotecnoloxía, entre outros sectores, tecen a vida cotiá de miles de persoas. Desde os que madrugan para entrar na primeira quenda de Citröen ou ás da lonxa do Berbés, pasando polas persoas que pasan a noite traballando nas urxencias do novo hospital, tentando suplir con profesionalidade e vontade a incompetencia do Goberno Feijoó. Homes e mulleres que erguen coas súas máns a vida que inunda esta fermosa ría.

A todos e todas os vigueses e galegos quero dirixirme para resaltar a importancia de votar o 20 de decembro en clave galega. É un momento político decisivo para rematar coa desfeita realizada polo PP nestes anos de lexislatura. Unha lexislatura de duros recurtes laborais, sociais, económicos, de dereitos que fixeron a crise aínda máis penosa para a poboación. Unha lexislatura que mermou enormemente a capacidade para producir dos nosos sectores produtivos como a pesca, o naval, o agro, e que en nada axudou aos autónomos. Todos eles recibiron só a tesoura aniquiladora do Goberno de Rajoy.

Un mandato no que a presencia do nacionalismo galego foi fundamental para abordar no Parlamento do estado as problemáticas de Galiza ou de Vigo en particular, a pesar de se atopar co rexeitamento dos partidos políticos estatais en temas de relevancia como a gratuidade e transferencia da AP-9. Fomos a boca reivindicativa das denuncias dos preferentistas, dos emigrantes retornados, dos dereitos socio-laborais de enfermos de cancro, da demanda de baixada do IVE no sector da floricultura, no material escolar, na cultura ou unas perruquerías, do problema do Tax Lease no naval vigués, das peaxes da AP-9, do sinistro do Alvia, da necesidade de que Vigo fose porto nodal, dos baixos prezos do leite, da competencia desleal á nosa conserva, dos recurtes na pesca de cerco e cefalopodeiros, entre outros moitos e que puideron verse representados no noso labor incansábel.

Feito ese percorrido, chegamos a este momento, un tempo político trascendental que demanda un avanzo, un paso máis decidido cara adiante que nos sitúe con máis forza no Congreso para que teñamos, as galegas e galegos, voz propia no Parlamento estatal.

Nós Candidatura Galega suma desde a pluralidade a todas aquelas persoas que cren en Galiza e consideran que é a hora de que teñamos máis peso nunha Cámara na que se adoptan importantes decisións para o noso futuro. Sen esquecer, que a vindeira lexislatura abrirá o debate territorial no que non podemos desaparecer como pobo galego. Debemos estar e contar, debemos existir con perfil propio, sen ataduras a ningunha estrutura de partido estatal.

Son a cabeza de lista de Nós Candidatura Galega por Pontevedra, e podo asegurar que levo ao país na cabeza e no corazón. Entendo a Vigo, a Pontevedra, ao Morrazo, ao Baixo Miño, ao Salnés, ao Deza, ao Condado e outras comarcas pontevedresas. Coñezo os problemas da pesca, dos estaleiros de Vigo, do sector lácteo, da conserva, dos transportistas, dos usuarios da AP-9, do agro, que me doen como propios. Por iso preocúpame que perdamos visibilidade, que non se nos escoite, que non ergamos a voz e que poidamos chegar a ser invisíbeis nunhas Cortes nas que se deciden cuestións que nos atinxen grandemente.

Esta cita electoral é importante porque non haberá un xogo de maiorías claro. E debemos clarexar que Nós nunca dará apoio a un goberno de dereitas porque sofrimos na nosa pel o tipo de medicina que dosifica, con graves efectos e contraindicacións. Nós queremos máis Galiza nas Cortes. Queremos seguir sendo úteis a Vigo e, desde logo, a todo o país. Demostramos que somos quen de escoitar, de contar con vós, de achegarvos a Cámara e de levar os vosos problemas ao Parlamento. Galiza non pode perder este tren. Ten que estar.

*Cabeza de lista de Nós Candidatura Galega por Pontevedra